A 'xeración do coronavirus' celebra a súa graduación

A promoción 2018-2020 de Bacharelato do IES de Valga regresa ao centro para levar a cabo a cerimonia que tiveron que suspender fai un ano
Un momento do evento celebrado nas pistas deportivas do centro educativo de Valga. CEDIDA
photo_camera Un momento do evento celebrado nas pistas deportivas do centro educativo de Valga. CEDIDA

A promoción 2018-2020 do IES de Valga despediuse definitivamente da súa etapa nun centro no que pasaron seis anos cun acto ao que asistiron familias, profesorado e tamén o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez. Levaban máis dun ano fóra do instituto pola pandemia, o que lles impediu celebrar antes a súa graduación de Bacharelato.

A cerimonia tivo lugar nas pistas deportivas do centro e foi presentada por Valeria Gómez, unha das 31 integrantes da xeración do coronavirus, como se referiron a si mesmos. Os alumnos recibiron, aínda que cun ano de retraso, os diplomas e os parabéns por teren superado esta etapa da súa vida académica a pesar da dificultade engadida da pandemia. "Erades merecedores deste acto por todo o que traballastes neses dous anos de Bacharelato e tamén nos anteriores", dixo o alcalde durante a súa intervención, felicitando tanto aos estudantes coma ás súas familias, ao profesorado e á dirección do IES.

En representación do centro interviñeron Dolores Rego, que era a directora no curso 2019-20, e Eliseu Mera, actual director, que lles lembrou aos graduados que "o IES de Valga seguirá sendo a vosa casa durante toda a vida". Tamén pasou polo micrófono Víctor González, profesor de Filosofía e padriño da promoción.

En nome do alumnado falaron Uxía Chan e Martín Calvo, que agradeceron as súas familias e ao profesorado o seu apoio e ensinanzas. "Estamos orgullosos de compartir xeración cos nosos compañeiros, aos que recordaremos para sempre", dixeron. Martín Calvo foi, ademais, un dos estudantes condecorado coma o mellor expediente na especialidade de Ciencias, xunto coa súa compañeira Laura Navarro na rama de Humanidades e Ciencias Sociais.

O acto estivo amenizado pola Orquestra Clásica da Escola de Música Municipal, dirixida por Manuel Villar.

Comentarios