A xornalista silledense Ana Cabaleiro gaña o Premio García Barros

A súa primeira novela, As Ramonas, foi elixida por unanimidade de entre as 19 obras presentadas ó certame do Concello de A Estrada

Ana Cabaleiro. DP
photo_camera Ana Cabaleiro. DP

Estreouse no mercado literario o ano pasado co libro de relatos Sapos e Sereas  e coa súa primeira novela, As Ramonas, vén de dar na diana. A xornalista silledense Ana Cabaleiro López (Saídres, 1974) é a flamante gañadora do Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades). A autora, que traballa no gabinete de comunicación da Deputación de Pontevedra e participa no grupo cooperativo de escrita Versos Soltos, é a terceira muller que logra este galardón nos trinta anos de certame.  

O xurado, reunido na mañá deste mércores, elixiu por unanimidade o traballo de Cabaleiro de entre as 19 obras presentadas ó certame que cada ano convoca o Concello de A Estrada. O comité estivo formado pola filóloga e ensaísta María Eulalia Agrelo Costas; polo poeta e editor Carlos González de Lema; polo escritor e crítico literario Armando Requeixo Cuba; pola poetisa e xornalista Olalla Cociña Lozano; e polo mestre e escritor Carlos Loureiro, que actuou como secretario. 

A novela conta a historia dunha fotógrafa de vodas que ansía acadar a liberdade a través da arte. "É a historia dunha muller que quere transceder, salvarse e conquistar a liberdade", explicou González de Lema. Toda a obra sucede en interiores de coches, ben sexa taxis ou vehículos compartidos ós que a protagonista se ve obrigada a recorrer ó quedar sen carné de conducir. 

Ambientada en Saídres, a parroquia natal da autora, e en entornos coñecidos como A Estrada, Silleda ou Lalín, tal e como apuntou Loureiro, a novela reserva un "papel protagónico fundamental" para a muller, segundo explicou  Agrelo, quen destacou a "prosa magníficamente creada" pola escritora, que permite "entrar nese mundo feminino que se sitúa no ámbito rural e que tamén está afectado polas novas tecnoloxías e as novas formas de comunicar". A ensaísta referiuse á obra como "unha novela en clave feminina, moderna, atractiva e sedutora para calquera tipo de lectorado". 

"Gustounos que a protagonista fose unha antiheroína que vai medrando ó longo da novela", engadíu Olaia Cociña. "Pasa de ser perdedora, ó principio, a unha gañadora na vida", argumentou. 

ENTREGA NO OUTONO. O premio está dotado con 9.000 euros, ademais da publicación da obra por parte da Editorial Galaxia, firma coa que Cabaleiro xa publicou o seu primeiro libro.

A entrega do galardón realizarase no outono, previsiblemente no mes de novembro. 

►Máis información na edición impresa de Diario de Pontevedra deste xoves◄
 

Comentarios