O xornalista Xabier Fortes será o pregoeiro da XXIII Festa do Lacón con Grelos

Cuntis celebrará esta festa de Interese Turístico de Galicia o domingo 1 de marzo e os días 14, 15 e 16 de febreiro a XI edición do Tapalacón
Foto de arquivo da Festa do Lacón con Grelos de Cuntis. GONZALO GARCÍA
photo_camera Foto de arquivo da Festa do Lacón con Grelos de Cuntis.

A XXIII edición da Festa do Lacón con Grelos que se celebrará en Cuntis o domingo 1 de marzo terá como pregoeiro ao xornalista Xabier Fortes. Así o vén de anunciar o alcalde, Manuel Campos, quen explicou que Fortes aceptou a proposta "e se sentiu encantado de poder prestarlle a súa voz a unha das festas gastronómicas máis importantes da provincia de Pontevedra e de toda Galicia".

Deste xeito, o presentador pontevedrés, que actualmente dirixe o matinal Los desayunos de TVE, tomará o relevo de Xosé A. Touriñán e engrosará a nómina de pregoeiros deste evento declarado Festa de Interese Turístico de Galicia que se converteu en todo un referente social, etnográfico, cultural e artístico para Cuntis e a súa contorna.

Campos agradeceu a Xabier Fortes a súa "inmellorable disposición" a exercer como pregoeiro e mostrouse orgulloso de que "unha das grandes voces do xornalismo español, referencia no ámbito da información e a análise política accedese a pregoar esta festa". Nesta liña, destacou que "ademais de ser un pregoeiro de enorme nivel, que coñece moi ben Cuntis, a presenza de Fortes, un profesional de recoñecido prestixio moi coñecido e querido en Galicia, que entre moitas outras cousas destaca polo seu compromiso coa pluralidade informativa e a loita contra a manipulación, contribuirá a darlle proxección e prestixio á Festa do Lacón con Grelos de Cuntis".

O alcalde tamén avanzou que nesta ocasión se conservará o número de comensais para garantir a calidade de edicións anteriores e que como "previa" da celebración, os días 14, 15 e 16 de febreiro, os locais de hostalería de Cuntis ofrecerán tapas co lacón como protagonista na XI edición do Tapalacón.

Por outra banda, Campos tamén anunciou que a Festa do Lacón con Grelos xa dispón de cartel anunciador. "Trátase dun deseño protagonizado por un porco que viste de maneira elegante e que destaca pola súa vistosidade, o seu colorido e, sobre todo, polo seu toque humorístico, cuestión que sen dúbida captará a atención do público e permitirá darlle un gran alcance ao evento", indicou.

Comentarios