A xuíza Filgueira: "Lalín era o lugar ideal para realizar o traballo en galego"

Irmandade Xurídica Galega homenaxea á maxistrada que exerceu na capital dezana ata 2006 e ós seus colegas Rosa García e José Gómez por ditar as primeiras sentenzas en lingua galega

A maxistrada Filgueira mira a placa tralo seu descubrimento xunto a López, Varela, García e Otero. FILGUEIRAS
photo_camera A maxistrada Filgueira mira a placa tralo seu descubrimento xunto a López, Varela, García e Otero. FILGUEIRAS

Na entrada dos xulgados de Lalín loce dende onte unha placa que recorda aos maxistrados Paz Filgueira Paz, Rosa García Prado e José Gómez Rei como os primeros xuíces en empregar a lingua galega no exercicio do seu traballo e por ditar as primeras sentenzas das salas lalinenses neste idioma.Ó acto, promovido pola Irmandade Xurídica Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, acudiu Paz Filgueira. A agora titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo recoñeceu que á súa chegada á capital dezana, de onde marchou a comezos de 2006, "Lalín era o lugar ideal para realizar o traballo en galego", a lingua que maioritariamente empregaban os seus veciños. E, neste sento, asegurou que se os traballadores da Xustiza utilizan este idioma para dirixirse aos enxuizados, estes "en galego, sempre che dan máis información".

A maxistrada advertiu de que o uso da lingua "en vez de avanzar vai retrocedendo", e referiuse ás cinco fases establecidas pola Unesco sobre a perda do idioma. "Eu xa estou vendo a terceira", sinalou. "Non son linguas minoritarias, outra cousa é que sexan minorizadas". Na mesma liña se pronunciaron o procurador Manuel Ceán, a avogada Manuela Sobrido e o letrado da Administración de Xustiza José Luis Jácome. "Nos xulgados úsase moi pouco o galego falado; temos moito que avanzar", apuntou Sobrido, que, ó igual que Jácome, pediu que se implanten os formularios e os sistemas informáticos en galego. "Non será posible que se use o galego nos xulgados se a Administración non pon os medios para facelo", defendeu a avogada.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, admitiu que "na Administración autonómica tamén recae a responsabilidade de normalizar o uso do galego" e sinalou que están pendentes de implantarse sistemas informátivos en lingua galega. Apuntou que "aínda queda moito por facer" para que os enxuizados coñezan o seu dereito a recibir xustiza en galego, pero sinalou que se ten avanzado. "Non hai tantos anos veriamos imposible ata celebrar este acto", dixo.

Comentarios