A xuíza pecha a instrución da Qatedra por fraude de subvencións con só tres investigados

Os tres responsables dunha consultoría de Lalín sentarán no banco, mentres que para outras 51 persoas o xulgado decreta o sobresemento 

Juzgados de Lalín. ARCHIVO
photo_camera Juzgados de Lalín. ARCHIVO

O xulgado de primeira instancia e instrución número 1 de Lalín finalizou a investigación da coñecida como operación Qatedra, relacionada cunha presunta fraude de subvencións destinadas a cursos de formación. Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a maxistrada acordou que a causa se siga contra os dous irmáns responsables dunha consultoría e a muller dun deles por se os feitos que se lles imputan fosen constitutivos dun delito de falsidade documental continuada en documentos oficiais e pertenza a grupo criminal. Pola contra, a instrutora acordou no auto notificado este mércores o sobresemento da causa respecto dos outros 51 investigados.  

A xuíza indica que hai indicios de que os dous irmáns "idearon un sistema para a obtención de subvencións da Administración autonómica". Para iso, supostamente convencían a empresas para que solicitasen axudas para a formación dos seus empregados. 

A consultoría que dirixían os dous investigados e na que a muller dun deles participaba "de forma activa" achegaba, segundo sinala a instrutora, "toda a infraestrutura necesaria, incluída a financeira, para realizar a tramitación administrativa".

COTA DE TRABALLADORES. En todos os expedientes de subvención era necesario facer constar os traballadores que participaban nas clases, así como a súa avaliación, con firma, en moitos casos, dos alumnos. "Como en ocasións non era factible cubrir a cota de traballadores partícipes no curso, os irmáns, que actuaban de común acordo, incluíron nos diversos cursos que organizaban a traballadores que non participaran nos mesmos, incluíndo todos os datos relativos aos mesmos e imitando as súas firmas en moitos casos". 

"Todo iso con pleno coñecemento de que a declaración desas falsas presenzas nos cursos tiña por obxecto formar parte do expediente administrativo de subvención e ía ser valorada pola administración á hora da concesión da mesma", engade.

MOTIVOS DO SOBRESEMENTO. En canto ao sobresemento, a instrutora sinala no auto que respecto de trece persoas non resultan "debidamente acreditados" os indicios de perpetrarse o delito debido a todos os expedientes que non están incluídos na relación de feitos. 

A titular do xulgado de primeira instancia e instrución número 1 de Lalín tamén decretou o sobresemento por prescrición da responsabilidade criminal sobre os expedientes promovidos por un sindicato contra dúas persoas. Respecto de tres das investigadas, a maxistrada argumenta no auto que non quedou acreditado que tivesen "poder de disposición sobre os feitos obxectos de investigación" e, ademais, subliña que os feitos están prescritos en relación a elas. A xuíza, respecto doutros 11 sospeitosos, sinala que nalgúns casos "non foron nin profesores dos cursos" e ademais, nalgúns casos, a causa estaría prescrita contra eles. 

En relación aos 22 empresarios investigados, a xuíza sostén que foi imposible determinar quen dentro desas compañías tiña o control do curso. Ademais, destaca que "na maior parte dos casos" os feitos están prescritos. 

Contra o auto cabe presentar recurso. En canto sexa firme, segundo informa o TSXG, darase traslado ao Ministerio Fiscal para que no prazo de dez días solicite a apertura de xuízo oral formulando escrito de acusación, o sobresemento da causa ou, excepcionalmente, a práctica de dilixencias complementarias. 

Comentarios