A Xunta activa a formación de 20 desempregados de Moraña e Valga

O obradoiro ten unha duración de 12 meses e distribuirase nos módulos de Repoboacións Forestais e Traballos de Carpintaría
Luis López xunto aos alcaldes e asistentes ao acto de posta en marcha do obradoiro de emprego. DP
photo_camera Luis López xunto aos alcaldes e asistentes ao acto de posta en marcha do obradoiro de emprego. DP

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, activou a formación laboral de vinte persoas desempregadas dos municipios de Moraña e Valga coa posta en marcha do obradoiro de emprego de formato dual Ulla-Umia VI, que conta cun investimento de 504.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado dos alcaldes de Moraña, José Cela, e de Valga, José María Bello, ademais do persoal directivo e docente do obradoiro, presidiu no edificio multiusos do municipio morañés a inauguración desta iniciativa laboral, orientada á mellora da empregabilidade a través da ensinanza específica en oficios.

O obradoiro de emprego Ulla-Umia, que chega a súa sexta edición e que se recupera este ano tras o curso celebrado en 2020, contará cos módulos de Repoboacións Forestais, Tratamentos Silvícolas e Conservación de Montes e, por outra banda, Traballos de Carpintaría e Moble e Mecanizados de Madeira, ambos con dez alumnos cada un. A formación prolongarase durante doce meses e, ademais das ensinanzas teórico-prácticas, ofertarase a posibilidade de realizar prácticas en empresas da contorna ao seu remate grazas ao seu formato dual.

Luis López agradeceu aos participantes "a súa implicación e ganas de aprender un oficio mellorando os seus coñecementos para outorgarse máis oportunidades no mercado" e amosouse convencido de que "aproveitarán este ano completo ao máximo para adquirir coñecementos que poden ser fundamentais para o seu futuro profesional".

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra sinalou que "damos cumprida resposta ao que pide a cidadanía e ofertamos un programa de formación moderno, dual, orientado a xente sen traballo para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais van recibir unha remuneración durante nove meses e que contribuirán ao beneficio de todas e todos con servizos públicos e atencións sociais".

Comentarios