A Xunta adxudica a reforma da Casa Don Álvaro de Lalín

A empresa Obras Gallaecia será a encargada dos traballos que terán un orzamento de 980.000 euros e un prazo de execución de 9 meses
Casa Don Álvaro de Lalín. ADP
photo_camera Casa Don Álvaro de Lalín. ADP

A Xunta adxudica por preto de 980.000 euros os traballos de restauración da Casa Don Álvaro de Lalín á empresa Obras Gallaecia. O obxectivo desta actuación é resolver os problemas provocados polo paso do tempo e a falta de uso co fin de recuperar un edificio icónico da comarca do Deza e poñelo ao servizo da veciñanza con novos usos culturais, sociais e turísticos.

A intervención é froito dun convenio de colaboración entre o Concello de Lalín, que adquiriu á casa, e a Xunta de Galicia para recuperar un dos inmobles máis significativos do municipio. A previsión é que a obra poida comezar en marzo e conte cun prazo de execución aproximado de nove meses.

A actuación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades solucionará as patoloxías construtivas causadas pola entrada de auga, o exceso de humidades, o deterioro e o insuficiente illamento térmico das fachadas e a cuberta. Para iso, a obra prevista inclúe a mellora das canalizacións e a impermeabilización, a reparación dos danos na zona da galería principal e o reforzo da estrutura de madeira de todo o edificio mediante o aporte de novas pezas e o suplemento de vigas.

O proxecto tamén inclúe a recuperación das vigas e viguetas afectadas pola humidade e insectos, así como das carpinterías de madeira exteriores incorporando un dobre cristal que mellore a eficiencia enerxética do edificio. Co mesmo obxectivo de reducir a humidade, executarase un drenaxe perimetral na zona do xardín e incorporarase un novo illamento térmico na cara interior das fachadas e a cuberta.

Os traballos complétanse cunha nova instalación eléctrica, de iluminación e climatización e coa recuperación do espazo orixinal do baixo.

Comentarios