A Xunta aproba a modificación que permitirá ampliar a empresa Extrugasa

A tramitación iniciouse en 2017 coa aprobación plenaria do documento
Exterior da instalación industrial da firma de extrusionados. DAVID FREIRE
photo_camera Exterior da instalación industrial da firma de extrusionados. DAVID FREIRE

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de aprobar definitivamente a modificación puntual número 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Valga.

Esta modificación foi tramitada polo Goberno Local co obxectivo de permitir a ampliación das instalacións da empresa Extrugasa dentro do termo municipal e, deste xeito, a través dela, favorecer a expansión industrial de Valga, o impulso da actividade económica e a xeración de postos de traballo para a poboación local.

O cambio no PXOM conleva a eliminación dun tramo do sistema viario, e afecta a unha superficie de 265.589 metros en Forno-A Torre

A modificación afecta a unha superficie de 265.589 metros cadrados situada entre as actuais instalacións de Extrugasa, a liña de ferrocarril e o núcleo do Forno-A Torre.

Conleva unha reordenación dos terreos e a eliminación dun tramo do sistema viario para posibilitar a ampliación da empresa de acordo ao convenio suscrito no ano 2016 entre o Concello e a entidade mercantil, precisamente para desenvolver urbanísticamente estes terreos clasificados como solo urbanizable delimitado de uso industrial no PXOM aprobado ano 2010.

A aprobación definitiva da modificación puntual foi publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia. Con anterioridade fora aprobada inicialmente polo Pleno do Concello nunha sesión celebrada en setembro de 2017.

Comentarios