A Xunta e Catoira proxectan reducir o risco de inundacións nos ríos Ulla e Sar

Augas de Galicia asume integramente o financiamento das contratacións, execución e xestión das obras ata a súa entrega á entidade local, cun investimento de 300.000 euros
Imagen del río Ulla a su paso por Catoira. DP
photo_camera Imaxe do río Ulla ao seu paso por Catoira. DP

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, remitiulle ao Concello de Catoira o convenio de colaboración para impulsar as actuacións necesarias para reducir o risco de inundación nos ríos Ulla e Sar, ao seu paso polo municipio pontevedrés. Segundo recolle o texto do convenio, trátase de desenvolver o proxecto construtivo para a mellora do espazo fluvial do rego Gondomil, no cruce coa estrada provincial EP-8702, co obxectivo de executar as obras identificadas como prioritarias no Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación (ARPSI) nestes ríos.

Tal e como establece o texto do acordo, a Xunta de Galicia asumirá integramente o financiamento dos traballos, cun investimento de 300.000 euros. As actuacións están cofinaciadas con fondos Feder 2014/2020. Augas de Galicia levará a cabo a contratación da redacción e aprobación do proxecto e as actuacións que permitan a licitación, contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

Pola súa banda, o Concello de Catoira, logo da aprobación do proxecto construtivo, asume á posta á disposición dos terreos necesarios para posibilitar as obras, así como a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución. Ademais, obrígase a recibir as obras que pola súa natureza sexan susceptibles de tal recepción, a asumir o seu mantemento e conservación e á utilización das instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista.

Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Desde o 1 de maio e ata o vindeiro 30 de xullo está aberto á participación pública o novo Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027, que se agarda aprobar a finais de ano. Nestas áreas con maior risco, recóllese a necesidade de redactar un Plan específico de xestión do risco de inundación, no que se traballa a nivel de detalle na propia área para tratar de minimizar os riscos concretos.

No plan de xestión específico realizado nas áreas dos ríos Ulla e Sar, Augas de Galicia contemplou varias opcións para realizar actuacións que contribúan a minimizar o risco asociado ás mesmas, sendo considerada a máis prioritaria no concello de Catoira a mellora deste espazo fluvial do rego Gondomil, obxecto deste convenio.

Comentarios