A Xunta e o Concello da Estrada asinan o protocolo para facer o novo edificio xudicial

Na visita do vicepresidente primeiro autonómico, Alfonso Rueda, tamén se fixo entrega dun camión autobomba para emerxencias
Alfonso Rueda, xunto ao delegado territorial, Luis López, e o alcalde, José López, durante a entrega do camión autobomba. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera Alfonso Rueda, xunto ao delegado territorial, Luis López, e o alcalde, José López, durante a entrega do camión autobomba. PATRI FIGUEIRAS
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou co alcalde da Estrada, José López, o protocolo de colaboración para a construción do novo edificio xudicial onde se unificarán os dous xulgados de 1ª Instancia e Instrución do municipio, e que ademais contará con espazo para atender as necesidades de novas unidades nos próximos anos. Tamén acudiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.

A Xunta reservou no orzamento deste ano 60.000 euros para a redacción do proxecto e o inicio dos traballos da nova construción, ubicado nunha parcela cedida polo Concello. Alfonso Rueda indicou a importancia desta obra para rematar coa dispersión xudicial e garantir un servizo de calidade aos 24.000 habitantes deste partido xudicial. "O obxectivo do Plan de Infraestruturas Xudiciais é modernizar pero tamén unificar os servizos xudiciais que hai en Galicia, como pasa aquí na Estrada, onde os dous xulgados están en espazos diferentes".

O vicepresidente primeiro asegurou que as actuacións vanse facer logo de falar cos traballadores. "Reuniremos cos eles, escoitaremos as súas suxestións e trataremos de incorporalas, porque a súa opinión é importante".

NOVO VEHÍCULO. O vicepresidente fixo entrega ao Concello dun camión autobomba urbano destinado aos servizos de emerxencias para as súas intervencións de salvamento e contraincendios en zonas estreitas en núcleos rurais polas que non poden circular vehículos grandes.

Cun custe de 150.000 euros, conta cunha cisterna de 1.100 litros, cantidade de auga suficiente para afrontar unha primeira intervención nun lume urbano neste tipo de zonas de difícil acceso.

Comentarios