A Xunta creará o comité de honra de 'Spin Rural' para a innovación en Galicia

José González clausurou este venres o congreso celebrado no pazo de Xerlís, no que participaron máis de 30 expertos durante os tres días
O conselleiro de Medio Rural pechou onte esta primeira edición, celebrada no pazo de Xerlís da Estrada.
photo_camera O conselleiro de Medio Rural pechou este venres esta primeira edición, celebrada no pazo de Xerlís da Estrada. DP

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu este venres a clausura do I Congreso Internacional de Innovación Spin Rural-Visionarios da terra, que se celebrou no pazo de Xerlís estradense. Anunciou, así, a continuidade deste evento e informou tamén sobre a creación do comité de honra Spin Rural para a innovación en Galicia que "manterá viva a chama durante este ano" ata a celebración en maio de 2023, sinalou.

Nesta liña, o conselleiro definiu este congreso como un "encontro de mentes pensantes, de visionarios e visionarias que confían en que o futuro é rural" e engadiu que a través deste Spin Rural os participantes trataron de "conectar e reconectar". Valorou, neste sentido, que o congreso supuxo unha "conexión coa terra, co noso rural e con Galicia".

O titular de Medio Rural felicitou aos máis de 30 participantes polo resultado das diferentes mesas redondas e conferencias, nalgunhas das cales participou el mesmo e, advertiu, "con elas non só compartimos coñecemento e crecemos como individuos, senón que nos multiplicamos como sociedade".

Por outra banda, o conselleiro destacou que no rural galego hai todo un "exército de persoas profesionais, visionarias, emprendedoras, innovadoras e pioneiras que buscan aportar o seu grao de area para que máis do 95% do territorio de Galicia -que é rural- siga sendo a elección de moita xente para vivir e para traballar con calidade de vida".

O congreso puido seguirse en formato de realidade virtual mediante vídeos 360 en Youtube, sendo así o primeiro congreso destas características en incorporar esta posibilidade.

Comentarios