A Xunta emite un informe desfavorable sobre o parque eólico de Tramontana

Charla dos veciños de Forcarei sobre eólicos. Cedida
photo_camera Charla dos veciños de Forcarei sobre eólicos. Cedida

A Xunta trasladou ao Concello de Forcarei un documento técnico da Subdirección Xeral de Enerxía sobre o parque eólico Tramontana no que se informa desfavorablemente sobre este proxecto. O motivo é que oito dos seus trece aeroxeneradores, a torre de medición, a subestación e parte da poligonal do parque incumpren as disposicións establecidas no Plan Sectorial Eólico de Galicia.

Concretamente, o informe sinala que estas instalacións se atopan emprazadas fora das áreas de desenvolvemento eólico incluídas dentro do devandito Plan Sectorial. "O emprazamento do parque eólico incumpre claramente as disposicións da lexislación mencionada". O Plan Sectorial da Xunta foi aprobado definitivamente en 1997 e modificado en 2002.

Contra este proxecto eólico, co que se pretenden instalar 10 aeroxeneradores en Forcarei e 3 en Silleda de 5,6 megavatios cada un, o Concello canalizou xa máis de mil alegacións particulares de veciñas e veciños, e continúa facéndoo pois o prazo para a presentación das mesmas está aberto ata o 27 de xullo. Moitas delas chegaron a raíz das diferentes charlas informativas organizadas polo Concello nas que se puxo a disposición de toda a veciñanza os correspondentes formularios e o asesoramento xurídico e técnico necesario, colaborando con varias comunidades de montes na asistencia técnica e redacción dos informes de prevalencia de uso forestal e das alegacións, realizouse outra asistencia técnica e redactouse o informe de prevalencia de uso gandeiro e outro relacionado coa captación de augas e mananciais.

Comentarios