A Xunta finalizará en 2020 o trazado da Vía Verde de Portas

Medio Ambiente afea á Deputación que "excluíra" ó municipio
Tramo da futura Vía Verde. RAFA FARIÑA
photo_camera Tramo da futura Vía Verde. RAFA FARIÑA

A Consellería de Medio Ambiente acometerá o proxecto para finalizar o trazado da Vía Verde en Portas no ano 2020. Esta foi a resposta que o departamento que dirixe Ángeles Vázquez á carta que lle enviara a presidenta da Deputación, Carmela Silva, reclamando a execución deste tramo así como o cumprimento "dos seus compromisos" para poñer en marcha a Vía Verde do Salnés ao longo do vindeiro ano.

A conselleira de Medio Ambiente lembra na súa resposta á titular do ente provincial que xa en decembro de 2018 se redactara un borrador de convenio para o cofinanzamento da Vía Verde do Salnés. "O mesmo día que a Xunta enviaba o convenio, a Deputación asinaba cos concellos, sen terse dirixido en ningún caso á Xunta para comunicar a decisión tomada de xeito unilateral, amosando unha falta de respecto institucional que non compartimos, de non contar coa Administración galega na execución da Vía Verde", subliña Ángeles Vázquez.

Lamenta ademais a conselleira terse enterado desta decisión "a través dos medios de comunicación", o que, asegura, "obrigou a esta Consellería a replantexar os termos da súa participación no proxecto".

Finalmente, Medio Ambiente confirma a execución da obra en Portas do trazado da Vía Verde, "dado que na execución que vostedes están a levar a cabo ao longo deste 2019 se excluíu ao concello de Portas" e "a pesares da actitude que vostede preside".

A actuación realizarase con cargo ós orzamentos de 2020.

Comentarios