A Xunta de Goberno de Lalín aproba o programa de sensibilización ambiental

Esta nova edición dará comezo o vindeiro 11 de abril e contará con obradoiros educativos e unha xornada sobre alimentación sostible
Edificio del Concello de Lalín DP
photo_camera Edificio del Concello de Lalín DP

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o desenvolvemento dunha nova edición de actividades municipais de sensibilización e concienciación medio ambiental. Darán comezo o vindeiro 11 de abril no Manuel Rivero en dúas quendas, de 9:50 a 11:20 horas e de 12 a 13:30 horas.

O día 12 será en Arias de La Maza, en Vilatuxe de 10 a 11:30 horas e no Varela Buxán en Cercio de 12 a 13 horas. O día 13 farase a quenda do colexio Xoaquín Loriga de Prado en horario de 9:40 a 11:10 horas.

Xa na semana seguinte, o día 17, desenvolverase o obradoiro no Xesús Golmar de 9 a 10:30 horas e de 11 a 12:30 horas, e o día 18 de 9 a 10:30 e de 11 a 12:30 horas. Con todo, os días 25 e 26 de abril haberá unha entrega de agasallos e premios.

A maiores, contarase tamén cunha xornada que leva por título Aliméntate pola natureza, que se desenvolve en colaboración con Educalecrín. Será o sábado, 29 de abril, de 11:00 a 20:00 horas, e contará con convidadas especiais coma Milhulloa, unha pequena cooperativa galega que cultiva, transforma e comercializa plantas medicinais ecolóxicas desde hai máis de 20 anos, e Eoalimenta, que se trata dunha rede de entidades, colectivos e persoas que pretenden conseguir unha alimentación máis sostible.

Nesta xornada aprenderase a levar unha vida sostible para o medio e máis saudable para as persoas, que axudará a previr enfermidades de índole física e emocional, poñendo para isto o foco na alimentación.

Ás 11:00 horas comezarase polo básico, como conseguir alimentos libres de pesticidas, e para isto falarán de agroecoloxía, aprendendo dende cero a crear unha horta 100% ecolóxica.

Nun segundo obradoiro o tema será como mudar a alimentación para que esta sexa sostible para o planeta e máis saudable para as persoas da man de Eoalimenta. Por último a coñecida organización Milhulloa terá ocasión de mostrar como crear cosmética natural e ecolóxica para o día a día. Ademais haberá comida e música tradicional á hora do xantar, sendo toda a xornada gratuíta.

Ao día seguinte, 30 de abril, terá lugar un roteiro guiado por Educalecrín pola Fragas de Catasós, que constará dunha ruta interpretativa e dun baño de bosque.

Para participar é preciso apuntarse no 687 37 46 67 ou no correo: [email protected].

Comentarios