A Xunta de Goberno local aproba o plan de sectorización da cuarta fase do Lalín 2000

A ampliación de solo industrial da capital dezana conta cunha partida de 2,4 millóns nos Orzamentos da Xunta de 2022
Vista do Polígono Lalín 2000 e da zona onde se vai ampliar. CEDIDA
photo_camera Vista do Polígono Lalín 2000 e da zona onde se vai ampliar. CEDIDA

O ansiado proxecto de ampliación do solo industrial da comarca dezana xa está en marcha tras a aprobación por parte da Xunta de Goberno local do plan de sectorización da cuarta fase do Polígono Lalín 2000, que conta cunha partida de 2,4 millóns nos Orzamentos da Xunta de 2022.

Segundo explicou o alcalde, José Crespo, este "é un paso importante na tramitación do solo industrial", e indicou que "o primeiro que fixemos foi poñernos en contacto con Xestur –Xestión Urbanística de Galicia– Pontevedra" xa que o proxecto de sectorización anterior, aprobado hai máis dunha década, "non era viable" e "houbo que modificalo".

Así, o rexedor explicou que "foron moitas as reunións mantidas porque obviamente o que intentamos é que saia un solo industrial máis barato do que ía saír". Agora comeza a andar un novo proxecto de sectorización e cando saia a exposición pública,dixo, "faremos os trámites pertinentes coa Xunta de Galicia para que desde Xestur se ultime o proxecto e se poida levar a cabo". E xa cando estea aprobado definitivamente e se acaben de conseguir os terreos que faltan, "que son a un 30-40% aproximadamente", apuntou, xa se pode presentar o proxecto para executar a obra. "Agora mesmo o que se vai poñer enriba da mesa son 320.000 metros", que é "case outro tanto como o que hai".

José Crespo subliñou que "nada máis aprobado e expropiado na súa totalidade, imos delimitar canto abarca a primeira fase e iso é o que se vai acometer por parte da Xunta". "E cando estea semivendida –engadiu o mandatario lalinense- xa se faría unha segunda", uns trámites que xa serían "fáciles", xa que "despois está feita toda a parte administrativa: xa está feito o proxecto de sectorización, xa temos os terreos conseguidos, cesións feitas e vial feito, só queda contratar o resto da urbanización, que é algo tremendamente fácil", rematou.

Comentarios