A Xunta impulsa 25 iniciativas laborais no Deza para a búsqueda de emprego

Luis López informou das accións formativas, de inserción e de emprendemento, das que se benefician máis de 500 persoas e que contan cun investimento de 2,6 millóns de euros
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitou este luns a Asociación de Empresari@s do Deza. DP
photo_camera O delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitou este luns a Asociación de [email protected] do Deza. DP

A Xunta de Galicia está a impulsar na actualidade máis de 25 iniciativas laborais na bisbarra do Deza para a búsqueda de emprego, ben a través da formación e a inserción, ben a través do apoio ao emprendemento, para máis de 500 persoas grazas a un investimento de 2,6 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou de todas estas actividades nunha visita realizada este luns ao Programa Integrado de Emprego (PIE) da Asociación de [email protected] de Deza (AED) xunto ao novo presidente, David Campos, ao que felicitou pola súa recente elección, ao alcalde de Lalín, José Crespo, e a outros representantes municipais.

"A AED é un exemplo de traballo moi ben feito, algo que sabemos todos na bisbarra do Deza, a prol do desenvolvemento, do crecemento das empresas e da xeración de emprego e por iso conta cun decidido apoio da Xunta, como se pode ver con este programa integrado que xa está a celebrar a súa cuarta edición, xa que todas as súas accións xeran riqueza e moitos postos de traballo", manifestou o representante autonómico.

O PIE da patronal dezana arrancou a finais do pasado ano coa participación dun cento de persoas desempregadas, con especial fincapé en colectivos como o de mulleres, parados de longa duración ou maiores de 45 anos, e vaise desenvolver durante doce meses ata finais de ano cun investimento de 250.000 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Este proxecto está orientado exclusivamente á inserción laboral destas persoas e para elo desenvolve cursos de formación que melloran as aptitudes dos desempregados, pero tamén outras ferramentas, como itinerarios laborais, fomento das habilidades profesionais, elaboración de currículos e preparación de entrevistas ou medidas de especialización, entre outras.

Durante a visita, Luis López saudou aos participantes dos cursos de inglés comercial e selección de persoal, que son os dous que se celebran na actualidade.