A Xunta investirá 220.000 euros para restaurar a ponte de Pontevea

Román Rodríguez anunciou que as obras deste elemento patrimonial, que separa Pontevedra de A Coruña, están en licitación
O conselleiro de Cultura, Educación, FP  e Universidades visitou onte a ponte medieval de Pontevea. DP
photo_camera O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visitou onte a ponte medieval de Pontevea. DP

A Xunta de Galicia ten previsto investir 220.000 euros para restaurar a ponte medieval de Pontevea que une as provincias da Coruña e Pontevedra sobre o río Ulla. Así o anunciou onte nunha visita o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, na que precisou que as obras están xa en proceso de licitación.

O responsable autonómico de Cultura sinalou que os traballos que impulsa o Goberno galego permitirán garantir a mellor conservación dunha infraestrutura clave para os termos municipais da Estrada e Teo. "Esta ponte, unha das máis singulares de Galicia, non só funciona como nexo de unión entre dous municipios, senón que é xa unha icona desta comarca e un dos espazos para o ocio e o turismo máis frecuentado polos veciños e visitantes", afirmou Román Rodríguez. Neste senso, o conselleiro destacou o gran valor cultural que atesoura esta ponte de orixe medieval. "A vía que hoxe transitamos xogou un papel fundamental na peregrinación e nas rutas comerciais desde a súa creación no século XI e nomeadamente na época romana", incidiu antes de lembrar que foi a súa importancia e as súas características arquitectónicas as que propiciaron que no ano 2017 fose declarada Ben de Interese Cultural, coa categoría de monumento histórico-artístico, obtendo a máxima protección da Lei de Patrimonio Cultural.

O obxectivo dos traballos que a Administración autonómica prevé poñer en marcha é resolver as patoloxías existentes na ponte. Para tal fin executaranse actuacións que permitan consolidar a estrutura mediante a recuperación e reforzo dos muros e a instalación de tres tirantes de aceiro ancorados aos reforzos de formigón. Ademais, reconstruiranse os noiros laterais con muros de contención.