O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou este luns que o Goberno galego executará ou activará investimentos por 22,4 millóns de euros ao longo deste ano no concello de Lalín, segundo se analizou na sesión mensual de marzo da Comisión Territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra celebrada na capital dezana.
"Lalín é un dos concellos máis importantes do centro de Galicia e da nosa provincia e ademais dinamiza social e economicamente a unha ampla contorna, polo que dende a Xunta apostamos de xeito global polas súas necesidades cuns fortes investimentos, que son perfectamente visibles, que proceden de todas as consellerías con moita intensidade e que amosan o absoluto compromiso do Goberno galego para colaborar co seu desenvolvemento", explicou o representante autonómico.
O delegado territorial, acompañado pola secretaria territorial e pola ducia de xefes territoriais das distintas consellerías que conforman este órgano, foi recibido no Castro Tecnolóxico polo alcalde de Lalín, José Crespo, e por outros representantes municipais e agradeceu a acollida e a cesión do salón de plenos da Casa Consistorial para celebrar esta comisión ao abeiro do seu percorrido itinerante por toda a provincia.
Na reunión fíxose un estudo de situación das principais cuestións da Xunta de Galicia nos 47 concellos da área territorial, abordando a situación sanitaria da pandemia do covid-19, o estado dos centros educativos tanto no que se refire aos índices de contaxio como aos preparativos cara o vindeiro curso académico, os aspectos turísticos en materia de axudas de modernización, do Bono Turístico 2022 e do Xacobeo, as medidas iniciais en materia de prevención de lumes forestais ante a inminente chegada da primavera ou os niveis de emprego, entre outras.
Proxectos. No caso da capital dezana, os investimentos de 2022 previstos ata a data polo executivo autonómico, que poderían medrar nos dez meses que restan de ano, según remarca a Xunta, pasan polo Centro Integral de Saúde, con algo máis de 9 millóns de euros; a activación do tanque de tormentas e da mellora do saneamento, con 6,7 millóns de euros; a remodelación do estadio Manuel Anxo Cortizo, con 459.000 euros; as expropiacións e o inicio da urbanización da ampliación do parque empresarial Lalín 2000, con 2,4 millóns de euros; os investimentos como destino turístico e accións do Camiño de Santiago e do Xacobeo, con 962.000 euros; o remate da rehabilitación do CEIP Xoaquín Loriga de Prado, con 661.000 euros; ou a renovación de luminarias no IES Ramón Aller, con 112.000 euros.
No referente ao medio rural, está previsto que se invistan 900.000 euros na reforma da nave de Botos para taller de mecanizado de todoterreos e motobombas e almacén de loxística, 114.000 euros no Plan Marco de mellora de camiños e 100.000 euros no arranque do edificio administrativo.
E tamén haberá fondos para cuestións económicas e laborais, segundo confirmou o delegado territorial, con máis de 500.000 euros para os respectivos semestres dos dous obradoiros de emprego, 250.000 euros para o Programa Integrado de Emprego e máis de 100.000 euros para a posta en marcha do novo espazo de 'coworking'.