A Xunta licita en nove millóns de euros as obras do Centro Integral de Saúde de Lalín

A conselleira de Infraestruturas garante que estará operativo para os veciños antes de rematar o 2022
A presentación do proxecto. DP
photo_camera A presentación do proxecto. DP

A Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de licitar as obras do Centro Integral de Saúde de Lalín, que comezarán a executarse a vindeira primavera e levarán aparellados máis de 170 postos de traballo. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Lalín, José Crespo, presentaron este sábado na capital do Deza o proxecto do futuro Centro Integral de Saúde, nun acto no que tamén participaron a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e a xerente da Área Sanitaria de Santiago, Eloína Núñez.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade puxo en valor o traballo intenso realizado nos últimos meses para impulsar o Centro Integral de Saúde de Lalín, xa que o 13 de novembro a Xunta publicou un anuncio previo de licitación que permite agora acurtar o procedemento para a contratación dos traballos. Así, as empresas interesadas na execución das obras dispoñen de prazo ata o 13 de xaneiro para presentar as súas ofertas. Tras a autorización do investimento polo Consello da Xunta do pasado 10 de decembro, o Goberno galego dá agora o paso definitivo da licitación das obras, que está xa publicada na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

Ethel Vázquez asegurou que a Xunta actuará con axilidade tamén na execución dos traballos co obxectivo de que o novo equipamento sanitario poida estar ao servizo dos veciños de Lalín antes de que remate o ano 2022, e o conselleiro de Sanidade calificou o proxecto de "estratéxico" e destacou que este novo equipamento sanitario reforzará, con novos e mellores servizos, a atención sanitaria que reciben os veciños de Lalín, Rodeiro, Dozón e Agolada, ademais de prestar determinadas asistencias aos veciños de Silleda e Vila de Cruces, servindo a unha poboación total de preto de 35.000 persoas.

O novo equipamento disporá de área asistencial, con 11 consultas de medicina, 11 de enfermería, unha consulta de farmacia, dúas consultas de odontoloxía, sala de técnicas, mostras e varias polivalentes; tamén área de especialidades, con catro consultas, dúas de enfermería e tres gabinetes de exploración; área pediátrica, con tres consultas, dúas de enfermería e unha sala de atención integral; ademais de área de hospitalización a domicilio, atención á muller, rehabilitación, telemedicina, diagnóstico por imaxe ou hemodiálise; ademais do punto de atención continuada (PAC), que disporá de tres consultas, sala de críticos, sala de observación e cinco dormitorios. O CIS permitirá ampliar o programa de cirurxía menor ambulatoria, activar o servizo de rehabilitación cardíaca, de solo pélvico e de enfermidades músculo-esqueléticas.

Comentarios