jueves. 02.12.2021 |
El tiempo
jueves. 02.12.2021
El tiempo

A Xunta recuperará a forma orixinal do dolmen Altar do Sol situado en Lalín

Altar do Sol. CEDIDA
Altar do Sol. CEDIDA
Así, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade porá en marcha nos vindeiros días os traballos de rehabilitación deste dolmen sobre o que xa se actuou nos anos 2015 e 2017

A Xunta de Galicia recuperará a forma máis próxima á construción orixinal, en tempos neolíticos, do monumento megalítico coñecido como Altar do Sol, no lugar de Alperiz do concello de Lalín.

Así, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade porá en marcha nos vindeiros días os traballos de rehabilitación deste dolmen sobre o que xa se actuou nos anos 2015 e 2017.

Nesta ocasión, a intervención centrarase na realización de traballos de limpeza deste xacemento así como da mámoa da Cruz, situada nas proximidades do Altar do Sol.

A continuación, procederase ao traslado, recolocación das tres lousas da cámara megalítica que están fracturadas e avaliarase a posibilidade de recolocar en vertical unha das lousas do corredor que se atopa actualmente caída. Para iso, será preciso realizar unha pequena escavación arqueolóxica no interior da cámara.

Visita guiada. Como complemento aos traballos, instalarase un cartel informativo e divulgarase a actuación entre a poboación local mediante unha conferencia e unha visita guiada.

Cómpre lembrar que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural xa interveu sobre o Altar do Sol no ano 2015. Fíxoo de cara á mellora deste sitio e co fin de afondar no seu carácter, funcionalidade, adscrición cultural e cronoloxía.

Segundo explica Patrimonio, esta primeira escavación constatou que se trataba dun dolmen de corredor clásico, alterado por labores de cantaría.

No ano 2017 levouse a cabo unha limpeza de vexetación, un rexistro fotogramétrico e a restauración virtual do sitio coa finalidade de permitir a correcta visualización e rexistro das pedras que compoñen o xacementos e identificar máis posibles fragmentos de lousas pertencentes á cámara megalítica.

A Xunta recuperará a forma orixinal do dolmen Altar do Sol situado...
Comentarios
ç