lunes. 24.01.2022 |
El tiempo
lunes. 24.01.2022
El tiempo

As conclusións de Ágora para mellorar o espazo público recolleranse nun libro

A primeira promoción de 124 técnicas e técnicos da Facultade Ágora graduouse este xoves

 

A Deputación de Pontevedra vai publicar un libro con todas as conclusións e relatorios dos case medio cento de relatores e relatoras da Facultade Ágora para sentar cátedra e divulgar coñecemento sobre como se debe recuperar o espazo público para as persoas. Así o anunciou este xoves o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez durante o acto de clausura da Facultade, no que se graduaron 124 persoas co título de 'técnicas Ágora'.

Na xornada, celebrada no salón de actos do Pazo da Cultura, estiveron presentes a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, o alcalde de Pontevedra e presidente da Rede de Cidades que Camiñan Miguel Anxo Fernández Lores, e a secretaria técnica da entidade, Ana Montalbán, ademais do director xeral de Axenda Urbana e Arquitectura do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana e padriño da Facultade, Iñaqui Carnicero, por vía telemática.

O acto de clausura da Facultade Ágora tiña o obxectivo de poñer en valor por primeira a formación de persoa técnica especialista na recuperación do espazo público. "É día de celebración, felicitación e de comprometerse a que a Deputación siga neste camiño", subliñou Benítez, destacando que é o momento de levar á práctica o aprendido adaptándoo "á realidade da provincia". "Temos que desenvolver eses principios, poñer ás persoas primeiro. É algo ambicioso, mais agora mesmo grazas á Deputación xa hai 32 proxectos en redacción, 8 obras en execución polas subvencións Ágora, así como 13 grandes iniciativas do REACPON que seguirán os principios Ágora", apuntou.

POSITIVA E NECESARIA. O nacionalista subliñou que a experiencia do curso 2021 da Facultade, a pesares de ter que facer os seminarios formativos vía telemática pola covid, foi "moi positiva, necesaria e innovadora e diferente". Destacou que para a Deputación foi un "éxito absoluto" tanto pola inscrición (213 persoas), pola asistencia e interacción nos seminarios, así como polo resultado do exame, con 124 persoas aprobadas, case a totalidade das que se presentaran. Ademais lembrou que todo o profesorado participante cualificou como "impresionante" que unha institución como a Deputación teña organizado un curso deste estilo. Tamén sinalou que a Facultade é unha proposta innovadora pola súa visión multidisciplinar do deseño urbano. "O espazo público é o único verdadeiramente democrático e ten que haber unha visión plural, olladas diversas", dixo Benítez.

O plantel de profesorado estivo formado polas principais especialistas do mundo na materia. Motivo polo que a Deputación se decidiu a recoller as súas intervencións na futura publicación, que se distribuirá por colexios oficiais, escolas técnicas, concellos e institucións do Estado. Tamén anunciou a posibilidade de organizar novas edicións da Facultade.

Debido á covid, a oficialización da gradación fíxose de maneira simbólica colocando un birrete ao logotipo de Ágora. As persoas graduadas recolleron despois o seu título e posaron para a foto oficial da primeira promoción no exterior do Pazo da Cultura.

No acto, a presidenta provincial puxo en valor a importancia que ten o espazo público á hora de construír sociedades colectivas. Silva deixou claro que "a xente que se dedica á política ten a obriga de transformar, cambiar e mellorar a vida das persoas que nos elixen para representarnos".

Pola súa banda o vicepresidente provincia, César Mosquera, participou na clausura asegurando que o traballo pola recuperación do espazo público nestes momentos "é imparable". Lembrou que no ano 1999 cando en Pontevedra se daban os primeiros pasos do seu modelo de cidade había un "gran páramo" sobre a materia, polo que se felicitou porque a Facultade teña alcanzado un gran éxito.

Finalmente, o alcalde de Pontevedra animou a unir o gran traballo técnico que permitirá a formación de Ágora "con sentido común e valentía política" por parte das persoas que deben tomar as decisións sobre a mellora do espazo público.

As conclusións de Ágora para mellorar o espazo público recolleranse...
Comentarios