A Deputación lanzará novas subvencións dirixidas a recuperar o espazo público

Ao abeiro do Plan Ágora, en 2022 haberá unha segunda liña de axudas para que os concellos redacten proxectos e, ademais, a institución tramitará para eles a consecución de fondos da UE
A primeira Asemblea Ágora de Concellos reuniu este mércores a máis de medio cento de técnicos e políticos. GONZALO GARCÍA
photo_camera A primeira Asemblea Ágora de Concellos reuniu este mércores a máis de medio cento de técnicos e políticos. GONZALO GARCÍA

A Deputación de Pontevedra lanzará unha segunda convocatoria de axudas económicas dirixidas ás administracións municipais para redactar proxectos enfocados á recuperación do espazo público para as persoas. Esa foi unha das cuestións anunciadas polo deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, na primeira Asemblea Ágora de Concellos Polo Espazo Público, un encontro ao que asistiron máis de medio cento de representantes técnicos e políticos de diferentes puntos da provincia.

Entre a batería de iniciativas que se desenvolverán ao abeiro do Plan Ágora en 2022 estará tamén a creación dun Observatorio Dixital e que a Deputación tramitará directamente as solicitudes de financiación europea para obras de proxectos xa maduros de cada un dos concellos. De feito, Benítez indicou que este venres se vai abrir unha nova convocatoria de fondos da UE dotada con 6 millóns de euros que se verán incrementados con novas inxeccións, e instou aos concellos a "meter" nela "absolutamente todo o que poidan".

O nacionalista reiterou o compromiso do Goberno provincial co obxectivo de chegar ao final de mandato, en xuño de 2023, cunha valoración cuantificada de metros cadrados gañados para as persoas na provincia. "Nos vindeiros anos vai haber fondos de todo tipo para estas iniciativas e queremos que os concellos esteades preparados con proxectos en carteira", insistiu.

Neste sentido, garantiu sen ambaxes o "arroupe da Deputación para abordar o reto social que é a recuperación do espazo público" e a consecución de fondos para executar as obras. Subliñou, de maneira tallante, que a pesares de haber complicacións para levar proxectos adiante "hai unha bola de neve crecente a prol do espazo público".

Tamén indicou que a Rede Ágora "ten moitos ollos postos nela para ver se esta experiencia pode ser exportada a outros lugares" e dixo que, de poder demostrar con datos que o modelo Ágora é un éxito, cabe a posibilidade de conseguir máis fondos tanto estatais como europeos para os concellos pontevedreses.

Un Observatorio Dixital Ágora con exemplos reais
Unha das iniciativas que porá en marcha o departamento de Mobilidade da Deputación ao abeiro do Plan Ágora en 2022 será a creación dun Observatorio Dixital Ágora, unha especie de "caixa virtual na que se depositen todos os exemplos de intervencións que se están a facer nos Concellos Ágora".

A asemblea deste mércores tamén serviu para facer unha valoración e retrospectiva das iniciativas desenvolvidas pola Rede durante o seu primeiro ano de funcionamento: asesoramento, o reparto de 2,4 millóns de euros en subvencións, a Facultade Ágora, metrominutos, bicirrexistros, etcétera. Na reunión, ademais, os representantes municipais pediron á Deputación que siga a exercer de asesora e "dea amparo" aos concellos fronte ás dificultades sociais e facilitando as xestións burocráticas.

Comentarios