A Facultade Ágora pecha cun desexo: crear no futuro cidades amables

A socióloga María Ángeles Durán sostén que o maior éxito da humanidade "é chegar a ser unha sociedade de vellos"
A profesora do CSIC durante a súa intervención deste venres. CEDIDA
photo_camera A profesora do CSIC durante a súa intervención deste venres. CEDIDA

A catedrática de Socioloxía e profesora do CSIC, María Ángeles Durán, asegurou este venres, no último seminario da Facultade Ágora da Deputación, que "o maior éxito da humanidade nos últimos anos é chegar a ser unha sociedade de vellos". Na súa loa á lonxevidade instou a deseñar as cidades para as persoas máis vulnerables, xa que "crear cidades que coidan supón calidade de vida".

Ante máis de 200 representantes políticos e técnicos dos concellos da provincia apelou ás persoas con poder de decisión para pensar na parte da poboación que ten maiores dificultades para facerse escoitar: as persoas que precisan o coidado.

"Se imos converternos nun país vello -gracias a Deus, porque iso significa que non morremos... - preparémonos e gocemos deste cambio demográfico que é o maior éxito que ten conseguido a humanidade nos últimos anos: chegar a ser sociedades de vellos", asegurou.

Os gobernantes, dixo, non deben pensar unicamente na rendibilidade das mercancías porque ao seu xuízo a calidade de vida precisa un soporte económico e financeiro "pero é moito máis que todo iso: unha cidade que coida gaña calidade de vida inmediatamente. Unha cidade que non ofrece coidados, xa pode ter a renda "per cápita" ou as innovacións tecnolóxicas que queira, que nunca será unha boa cidade para vivila", sentenzou.

Durán, que nos vindeiros días cumprirá 79 anos, falou dende a súa experiencia persoal e explicou que participa nunha iniciativa de 'cohousing' pensando no seu futuro. Subliñou que a partir dunha certa idade as persoas maiores "quedámonos soas" e é preciso buscar formas de vivir que permitan ter compañía e estar en sociedade sen seren excluíntes.

"Hai que integrar esas residencias, esas iniciativas para que estean en zonas peonís, accesibles", insistiu, criticando as grandes urbanizacións de luxo que se constrúen nos extrarradios e que de cara a futuro serán "reservorios de soidade".

Durán, grandemente aplaudida na súa intervención, engadíu que os gobernantes que sigan as súas indicacións de ter en conta ás persoas maiores "teñen en España 9,5 millóns de votos".

Diferentes usos. Outra das cuestións que abordou Durán no seu relatorio foi a perspectiva de xénero na maneira de utilizar as cidades. Segundo dixo, mulleres e homes utilizan de forma diferente os espazos públicos, tanto por horarios como por segregacións espaciais.

Apuntou que os modos de desprazamento son tamén distintos, sendo os femininos en 'zig-zag', facendo recados e de maneira prioritaria camiñando, fronte aos desprazamentos motorizados e directos dos usuarios masculinos.

Salientou a importancia do recoñecemento ás mulleres no rueiro, que definiu como un "recoñecemento á memoria", e tamén que é preciso ter en conta os deseños urbanos para fomentar a sensación de seguridade.

Sinalou que se se lles pregunta ás mulleres de hoxe que é o esencial boa parte falará de liberdade no sentido da seguridade viaria. Apuntou que hai cidades no mundo nas que as mulleres non saen por medo e ante isto preguntou como a cidade pode ofrecer seguridade.

No acto tamén falou o holandés Iwaan Baan, especialista en fotografía urbana, quen destacou que grazas ao seu traballo fotografando cidades e lugares ao longo do mundo pode ver os diferentes usos que se fan do espazo público. "Vexo como as persoas se apropian dos lugares, dos edificios e das rúas, e a maneira en que se fai en cada sitio di moito da cidade na que estás", explicou.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, achegouse tralo remate do Pleno provincial para saudar ós relatores e subliñar que a Facultade Ágora "é unha iniciativa moi potente, un instrumento de escoita activa".

Semáforos no chan para os 'zombies'
O responsable da empresa de iluminación Setga, Ángel González, fixo unha chamada de atención sobre como a utilización da luz nos espazos públicos pode contribuír a xerar contornas de calidade.

Subliñou que para levar adiante boas prácticas á hora de iluminar espazos é preciso ter en conta os intervalos temporais nos que se activa a iluminación, evitar a intrusión lumínica e aplicar características espectrais adaptadas a cada uso.

Como exemplo, citou que hai anos se usaban bombillas azuis para os flexos de mesas de estudo, "algo que tiña sentido", porque esa bombilla aumenta a onda corta da luz, que promove a produción de cortisol, e esa hormona favorece a concentración.

Falou tamén González dos espazos amables e de calidade, que achegan sensación de seguridade grazas á luz ben asentada, sen claroscuros e con continuidade, con bos proxectos que contribúan a unha mobilidade segura dando luz sobre todo ás beirarrúas e os pasos de peóns. Tamén falou dos ’zombis’: persoas que camiñan mirando o móbil sen levantar a cabeza para as que é preciso incluso poñer semáforos no chan.

Comentarios