"Mellorar o espazo público e a calidade de vida é mellorar a democracia"

A Deputación celebrou o pasado venres o IX seminario da Facultade Ágora e nel estiveron presentes o técnico estadounidense Jeff Speck, o catedrático José Luis García e o enxeñeiro Jesús Gómez
Seminario da Facultade Ágora. DP
photo_camera Seminario da Facultade Ágora. DP

As vilas e as cidades que recuperan o seu espazo público para as persoas "son máis eficientes e xeran dinámicas ascendentes que se retroalimentan". Esa foi unha das conclusións do noveno seminario da Facultade Ágora sobre o espazo público. Un evento organizado onte pola Deputación de Pontevedra e no que participou o técnico estadounidense Jeff Speck, o catedrático en Economía José Luis García Delgado, e o enxeñeiro Jesús Gómez Viñas.

Os tres fixeron unha clara defensa dos cambios que se producen na vida da cidadanía cando se aposta por estratexias de vilas compactas, complexas e nas que se busca a calidade urbana e unha vida visible nas rúas e prazas.

JEFF SPECK. O recoñecido urbanista autor do libro Walkable cities, Jeff Speck, dirixiuse ás personas asistentes á Facultade Ágora dende Boston, na que foi a súa primeira intervención en exclusiva para España.

No acto, o estadounidense subliñou que as cidades europeas "teñen moitos pasos gañados ás cidades americanas pola súa concepción urbana" e puxo sobre a mesa exemplos do que non se pode facer, que resumiu no concepto das cidades dispersas que precisan do automóbil para todo.

En canto ás localidades atractivas, Speck destacou que as cidades que máis invisten en recuperar os seus centros e espazos urbanos son "as que conseguen maior eficiencia" e indicou que "se as cidades se deseñan arredor dos coches, o resultado será que acabarán chocando uns con outros".

Por outra banda, o urbanista estadounidense asegurou que os centros comerciais están morrendo e na bancarrota, mentres que o comercio local está a despuntar. O motivo, segundo él, é que os modos de compra están mudando. "A xente que merca por prezo faino en liña a través de internet e a que compra pola experiencia, busca espazos atractivos para facelo".

Por último, Jeff Speck incidiu en que o enfoque das cidades que primou a mediados do século XX nos Estados Unidos, con zonas de usos únicos en lugar de mixtos, estaba claramente equivocado. "Temos zonas de colexios, zonas de vivenda, de comercios, de traballo... que cada vez estaban máis lonxe unhas doutras e cada vez precisaban aparcamentos máis grandes que as propias instalacións pola obriga de levar sempre o coche. Temos estudos que nos din que canto máis conducimos, máis posibilidades temos de divorcio".

GARCÍA DELGADO. Pola súa banda, o catedrático García Delgado explicou na Facultade Ágora que o espazo público de calidade é chave, xunto á vivenda, para atraer poboación ou para expulsala.

Segundo o economista, cando se dan pasos para a mellora dos espazos, creando localidades atractivas, prodúcese unha dinámica ascendente xeneralizada. "Canto mellor calidade do espazo público, mellor calidade da cidade, máis atracción de persoal moi cualificado e máis acumulación de capital humano que atrae sectores máis puxantes, máis produtivos, con densidades tecnolóxicas maiores", salientou.

Neste sentido, García Delgado fixo un chamamento aos políticos asegurando que "mellorar o espazo público, mellorar as relación entre as persoas e mellorar a calidade de vida é mellorar a democracia".

GÓMEZ VIÑAS. Por último, o enxeñeiro pontevedrés Jesús Gómez Viñas, responsable técnico da reforma urbana en Pontevedra, relatou que o goberno local da cidade do Lérez tiña o obxectivo de mellorar a calidade urbana e a vida da cidadanía cando chegou á Alcaldía en 1999.

Dende entón, o municipio de Pontevedra "sumou poboación, conta cunha das maiores proporcións de xente moza de Galicia e está considerada unha das cidades exemplo de modelo urbano en todo o mundo".

Comentarios