O 'Obradoiro Ágora', contra a normativa vixente de tráfico

Persoal técnico e político de varios concellos participou en Tomiño nunha sesión práctica da 'Facultade Ágora'
Imaxe de todas as persoas que participaron na sesión da 'Facultade Ágora'. DP
photo_camera Imaxe de todas as persoas que participaron na sesión da 'Facultade Ágora'. DP

Persoal técnico e político de diferentes concellos da provincia participou no Concello de Tomiño na segunda sesión do Obradoiro Ágora da Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra, un espazo de formación práctica sobre a recuperación do espazo público. Na sesión houbo unha crítica xeral á normativa vixente que regula o tráfico e as obras de recuperación de espazo público por ser moi restritiva á hora de facer melloras destinadas ás persoas e fíxose un alegato en defensa da "insubmisión" ante a lexislación, sempre e cando se faga para mellorar o espazo público dos colectivos máis vulnerables: persoas maiores, crianzas ou veciñanza con problemas de mobilidade.

O propio deputado Uxío Benítez fixo, neste mesmo sentido, unha invitación ao persoal técnico que participa nos deseños de proxectos a ser "transgresor e atrevido" porque as decisións que toma cando se fan obras "transforman e melloran a vida da xente". "As leis teñen obxectivos, hai que aplicalas e interpretalas con sentido común, porque ademais son textos que cambian, melloran evolucionan ao longo do tempo incorporando as novidades", subliñou. Engadiu, como exemplos, que non ten sentido que un paso de peóns teña un largo de 4 metros pero "sexa ilegal se ten seis metros" se facilita o cruzamento de persoas nun espazo.

O nacionalista apuntou a necesidade de traballar en favor de dar máis espazos ás persoas e destacou que entre as propostas da Rede Ágora está que as beirarrúas ou sendas teñan un largo mínimo de tres metros para facilitar o cruzamento de cadeiras de rodas, carros de bebés e diferentes grupos de persoas a un tempo sen ter que baixar á calzada. "A norma apenas esixe pouco máis desa cifra", destacou.

Entre outros aspectos do debate no Obradoiro, que contou coa participación do arquitecto Mateus Porto, tamén se puxo o foco no deseño das glorietas e a necesidade de dificultar o acceso dos vehículos facendo ramplas fortes para obrigar a minorar a velocidade co fin de incrementar a seguranza viaria. Como exemplo púxose a glorieta da nova variante de Tomiño, vía pola que circulan uns 2.500 vehículos día e na que se utilizaron pavimentos que priorizan o cruce das persoas en lugar dos coches, na que se incorporou unha parada de autobús que ocupa un carril de tránsito, e na que hai un xardín central que dificulta a visión ás persoas condutoras.

As pendentes dos lombos, plataformas e pasos de peóns sobreelevados tamén foron obxecto de discusión. Neste sentido, representantes de Policía Local subliñaron tamén a necesidade de que haxa dureza nas ramplas para baixar velocidades, cumprindo así o seu obxectivo final.

Unha das novidades que anunciou o deputado Uxío Benítez na xornada é que a participación nos "Obradoiros Ágora" terá recoñecemento por parte da Deputación, xa que se expedirá un certificado a todas as persoas asistentes que, ademais, terá valoración positiva no caso de presentarse a concurso para realizar unha actuación provincial.

Comentarios