A primeira promoción de técnicos Ágora recibe este xoves os seus diplomas

A iniciativa da Deputación recoñecerá a participación de 124 persoas nos seus obradoiros formativos en urbanismo amable
Un dos seminarios da facultade Ágora. GONZALO GARCÍA
photo_camera Un dos seminarios da facultade Ágora. GONZALO GARCÍA

Primeira fornada de técnicos en urbanismo sostible e amable. A Deputación de Pontevedra entrega este xoves os títulos de gradación como técnicas e técnicos Ágora a 124 persoas no acto de clausura da Facultade Ágora. Os diplomas desta iniciativa pioneira en España recoñecerán a formación sobre recuperación do espazo público. Esta graduación da primeira promoción de persoal especializado permitirá aos concellos da provincia levar adiante proxectos de deseño que aposten pola calidade urbana e "poñan ás persoas no centro".

Serán técnicas Ágora a práctica totalidade das persoas que asistiron a todos e cada un dos once seminarios formativos que se celebraron dende o mes de abril, se presentaron a exame e superaron as probas realizadas a principios de mes. O resto das persoas que asistiron alomenos ao 80% dos seminarios (máis de 60) recibirán o certificado de participación. Cabe lembrar que foron máis de 200 as persoas matriculadas, principalmente representantes políticas e técnicas dos concellos da provincia, mais tamén persoal técnico doutros lugares do estado.

Segundo explica a Deputación, ambos recoñecementos, tanto o título como o certificado de asistencia, serán valorados pola institución provincial á hora de presentarse a procesos selectivos propios, así como tamén á hora de asinar proxectos de mobilidade por parte de empresas externas. Ademais, suporán un plus de calidade persoal e particular nos currículos, xa que acreditarán formación no tratamento de calidade dos espazos públicos, unha materia que a día de hoxe non se aborda de maneira específica nas escolas de Arquitectura nin Enxeñería.

As titulacións entregaranse formalmente no acto que se desenvolverá este xoves a partir das 10.00 horas. Participará o padriño da Facultade, o director xeral de Axenda Urbana e Arquitectura do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Iñaqui Carnicero, ademais de representantes do goberno da Deputación, do Concello de Pontevedra e da Rede de Cidades que Camiñan.

Hai que lembrar que este quedou limitado exclusivamente ao alumnado da Facultade e, por principio de prudencia ante a situación covid, ocupará exclusivamente o 50% da capacidade do salón de actos do Pazo da Cultura. Está tamén previsto o seguimento do evento vía telemática por parte de persoas interesadas externas a través da plataforma Zoom.

Entre o profesorado houbo máis de 40 persoas de diferentes ámbitos que participaron como relatoras sobre o espazo público. Entre elas Zaida Muxi, coñecida pola súa experiencia en cuestións de espazo e xénero; Francesco Tonucci, pedagogo fundador da Cidade dos Nenos; María Ángeles Durán, catedrática e investigadora do CSIC; o arquitecto José Fariña autor dun blog sobre pedagoxía, urbanismo e territorio; Rubén Lois, doutor en Xeografía da USC; Izaskun Chinchilla, autora de La ciudad de los cuidados; José María Ezquiaga, Premio Nacional de Arquitectura; Marta Román, experta en proxectos de mobilidade infantil e consultora en Gea21; Salvador Rueda, Director da Axencia de Eoloxía Urbana de Barcelona; ou Alfonso Sanz, autor de Calmar el tráfico.

Comentarios