Os alumnos do PUM da UVigo, embaixadores da ciencia e do coñecemento

Impartiranse un total de cinco conferencias en bares e cafeterías das cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra co fin de levar o coñecemento fóra do campus e achegalo á sociedade en xeral
Iniciativa Embaixadores/as da ciencia e do coñecemento. UVIGO
photo_camera Iniciativa Embaixadores/as da ciencia e do coñecemento. UVIGO

A UCC+I vén de propoñer que os alumnos do Programa Universitario de Maiores (PUM) da Universidade de Vigo sexan embaixadores da ciencia e dos coñecementos que eles mesmos acumularon nas súas traxectorias vitais e tamén dos que xera a universidade onde están a formarse. Trátase dunha acción enmarcada no proxecto Plan Anual Ciencia de ida e volta, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación.

Para levalo a cabo, organizáronse emparellamentos con persoal investigador, de xeito que cada un dos cinco alumnos e alumnas participantes contaron cun mentor experto no tema a tratar, con quen traballaron tanto os contidos como a forma da charla, que presentarán en público neste mes de xuño. A idea da iniciativa é achegar todo este coñecemento á sociedade en xeral, levalo fóra dos campus e poñelo a disposición da cidadanía. Neste serntido, apostouse por impartir as conferencias en bares e cafeterías das cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra.

Cinco charlas en total

Iniciativa Embaixadores/as da ciencia e do coñecemento. UVIGO
Iniciativa Embaixadores/as da ciencia e do coñecemento. UVIGO

As charlas –cinco en total– comezarán en Pontevedra o vindeiro 15 de xuño. Esta primeira cita terá lugar no Café Moderno ás 19.00 horas con dúas propostas. Por unha banda, o alumno José Meilán García explicará os motivos polos que camiñar é unha das mellores medicinas para o home. Para preparar esta exposición, contou coas achegas do investigador Iván Martínez Lemos, do Wellness and Movement Research Group, que tamén estará presente no relatorio. A segunda intervención da xornada correrá a cargo de José Moure García, que se centrará na xeopolítica e, en concreto, na alianza de nación para buscar un beneficio común. Neste caso, o investigador implicado é o profesor Luis Velasco Martínez, da Área de Historia Contemporánea do Departamento de Historia, Arte e Xeografía.

A seguinte cita será en Ourense o 20 de xuño. Neste caso será en El Pueblo Café Cultural, tamén ás 19.00 horas. Desta volta, a alumna sénior Antonia Blanes Hermida falará sobre emprendemento feminino, co asesoramento de Alberto Vaquero, investigador do grupo GEN – Governance and Economics Research Network e coordinador do PUM no campus de Ourense.

A última cita será en Vigo o mércores 22 de xuño ás 19 horas no Café Vitruvia, cun evento que contará tamén coa presenza da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio. Neste caso abordaranse dous temas. Por unha banda, Arsenio Gallego Chacón, estudante do programa e meteorólogo, falará sobre clima e cambio climático, co asesoramento de Xotchil Ilosvay, investigadora predoutoral de Future Oceans Lab. O segundo poñente da xornada será Manuel de Cal Zapata, que tratará a evolución da enerxía térmica coa axuda de Fernando Cerdeira, investigador do grupo ChETE – Enxeñaría Química, Térmica e Ambiental.

Comentarios