Ángel Carracedo: "Paréceme vital defender o uso da nosa lingua"

Chega o mundo da ciencia este xoves ao ciclo En3vistas, do Concello de Pontevedra, da man do experto en xenética Ángel Carracedo e da escritora e artesana pontevedresa Loli Beloso. Falarán da importancia da investigación científica e do compromiso social, ás 20.00 horas, nos Xardíns do Doutor Marescot.
Ángel Carracedo. RAFA FARIÑA
photo_camera Ángel Carracedo. RAFA FARIÑA

Experto internacional en xenética, Ángel Carracedo é, entre outras cousas, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

Vai compartir conversa con Loli Beloso. Cal é a conexión que teñen?
Somos amigos desde hai moitos anos. Creo que a primeira vez foi nun acto no que estabamos Xosé Neira Vilas, que quería moito a Loli, e máis eu. Loli é unha persoa chea de xenerosidade e de amor pola ciencia e pola súa terra. Defende a morte a nosa cultura e a importancia de que non esquezamos aos nosos devanceiros máis notables que contribuíron a nosa identidade e non podo menos que apoiar todo o que fai.

Como é a relación de Anxo Carracedo coa lingua galega?
Pois a relación que teñen a maior parte dos galegos. Uso o galego a diario, no ensino, na casa e paréceme vital defender e promover o seu uso porque é parte esencial da nosa identidade cultural. Sempre con naturalidade. No día a día uso galego, castelán e inglés segundo a xente coa que fale.

Cal é a súa experiencia co seu uso no ámbito científico? Existen prexuízos co idioma nese sector?
O idioma da ciencia é o inglés. Os artigos científicos son en inglés porque van dirixidos a unha comunidade internacional. Nas reunións, acostumamos traballar con consorcios de investigadores internacionais e usamos o inglés e cando son nacionais, normalmente, castelán ou inglés. Cando son con grupos da contorna, galego ou castelán. A divulgación da ciencia na nosa terra si me parece esencial facela en galego porque é unha maneira de achegarse a xente e para transmitir ben hai que facelo así.

A divulgación científica na nosa terra é esencial facela en galego

Unha cuestión controvertida relacionada co Decretodo Plurilingüismo, que se aplica dende o ano 2010 no sistema educativo galego, ten que ver coa obriga que teñen os mestres de impartir materias como Matemáticas ou Física e química en castelán. Que opinión lle merece?
A min gústanme os ensinos plurilingües. Apreciei moito que os meus fillos tivesen Science en inglés.

Que lle parece esta iniciativa do Concello de Pontevedra que busca reflexionar sobre o uso da lingua galega en diferentes ámbitos profesionais?
Paréceme moi ben. Todo o que sexa facer cousas para promocionar o uso da nosa lingua e poñela en valor ten o meu apoio e a miña contribución.

A súa participación nesta iniciativa encádrase nun labor de divulgación que vostede realiza de xeito habitual. É difícil achegar a ciencia ao público xeral?
Eu non me considero un divulgador. Non sei se son primeiro profesor, médico ou científico, pero divulgador non. Si fago o que podo contando o que facemos, tratando de transmitir unha mensaxe de ilusión pola ciencia, contando os seus logros e tamén os seus límites e o que aínda non sabemos, que é moito. A relación con estudantes, especialmente de bacharelato encántanme, trato de desestresalos e animalos.

Comentarios