'A ciencia que vén ten nome de muller' na UVigo

O venres 18 de marzo a Universidade de Vigo organiza a unha expo-feira científica co obxectivo de dar a coñecer á sociedade o traballo do persoal investigador e como os seus estudos favorecen ao avance da sociedade. Daráselle unha importancia especial ao papel da muller na ciencia
O edificio Redeiras estará aberto ao público para diversas actividades. UVIGO
photo_camera O edificio Redeiras estará aberto ao público para diversas actividades. UVIGO

A Universidade de Vigo volve sacar os laboratorios á rúa coa celebración dunha nova feira científica. Será o vindeiro venres 18 de marzo nunha carpa con 12 postos situada na praza do Berbés baixo o lema A ciencia que vén ten nome de muller, un evento de divulgación e de fomento das vocacións científicas co que se pretende dar a coñecer á sociedade o traballo do persoal investigador, especialmente das mulleres, e como os seus estudos favorecen o avance da sociedade. 

Aberta ao público infantil, xuvenil e familiar en xeral, a feira abrirá as súas instalacións ás 17.00 horas. Dos 12 postos informativos que poderán visitarse, 9 correspóndense a proxectos, grupos de investigación ou centros de investigación da UVigo. A eles sumarase un posto da Unidade de Igualdade, con diferentes xogos e actividades vinculados á muller na ciencia e outros dous informativos sobre a Deputación de Pontevedra e a propia Universidade de Vigo.

A maiores, estará tamén aberto ao público o edificio Redeiras, onde se reproducirán vídeos sobre algúns dos grupos de investigación da Universidade de Vigo, poderase participar en xogos de realidade virtual e visitar a exposición En galego! da Área de Normalización Lingüística.

A feira está organizada pola Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, conta con financiamento da Deputación de Pontevedra e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia y Tecnología– e coa a colaboración do Concello de Vigo.

O evento terá xa pola mañá unha visita de 84 escolares de 5º e 6º de Primaria do CEIP Frián de Teis, que serán os primeiros en poder divertirse e aprender con todas as actividades organizadas para eles.

Detectives de imaxes, A chispa da neurocienica, Griles e Grettel... Son só algún dos nomes dos obradoiros que se están a organizar para que o público, especialmente o infantil e xuvenil, poida achegarse aos laboratorios universitarios dun xeito lúdico e divertido. Haberá postos sobre tecnoloxía, sobre medio ambiente, saúde e benestar, patrimonio e tamén economía.

Desde un obradoiro no que aprender a detectar manipulacións en fotografías, ata outro no que visualizar especies singulares de diferentes ecosistemas (mariño, de auga doce e terrestre); dun taller de extracción de ADN de plátano ata outro no que se montará unha maqueta dun circuíto eléctrico cunha pila de petaca para simular como flúe a corrente a través dunha neurona.

No caso do posto sobre patrimonio as visitantes e visitantes atoparán actividades relativas á pintura rupestre prehistórica e poderán experimentar o traballo con pigmentos e practicar con algunhas metodoloxías para a súa identificación, estudo e conservación. No de Griles e Grettel, as diferentes actividades xirarán en torno á lingua.

Todas estas actividades están organizadas polos grupos de investigación de Procesado de Sinal e Comunicacións, GPSC; Xestión Sostible e Segura dos Recursos Mineiros; Bioloxía Ambiental; Oceanografía Biolóxica; Neurofisioloxía e neurocircuítos; Xenómica e Biomedicina; Lingua Española e Linguas Signadas, Griles; Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, GEAAT, e a agrupación estratéxica Ecobas, centrada no ámbito da economía.

Cartel da iniciativa 'A ciencia que vén ten nome de muller'. UVIGO
Cartel da iniciativa 'A ciencia que vén ten nome de muller'. UVIGO

SETE MESES DE ACTIVIDADES. Esta feira-exposición está organizada ao abeiro do  programa Ciencia de ida e volta, o plan anual de actividades para o curso 2021/2022 da Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, un gran paraugas baixo o que xa se levaron a cabo actividades como a exposición itinerante 100 lunas cuadradas, un concurso de vídeos científicos, diferentes iniciativas organizadas co gallo do 11F, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, entre outros.

A programación continuará ata o vindeiro mes de xuño. Por diante quedan múltiples eventos, como algúns cos que celebrar datas coma o Día Mundial da Saúde, o 7 de abril, ou o Día Mundial dos Océanos, o 8 de xuño.