A ciencia recupera a presencialidade co plan de actividades 2021/2022 da UCC+i

O obxectivo deste proxecto da UVigo é a promoción e difusión da cultura científica, tecnolóxica e da innovación entre os diferentes axentes sociais, a través dun amplo programa de actividades

'Ciencia de ida e volta'. UVIGO
photo_camera 'Ciencia de ida e volta'. UVIGO

Ciencia de ida e volta é o nome que recibe o plan anual de actividades 2021/2022 da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo. Este programa conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación e está integrado por accións que supoñen un regreso á presencialidade despois das dificultades, cambios e cancelacións que trouxo a chegada da pandemia de covid no ano 2020.

O obxectivo xeral do proxecto é a promoción e difusión da cultura científica, tecnolóxica e da innovación entre os diferentes axentes sociais: estudantado, comunidade universitaria e cidadanía, en xeral.

Para logralo, a UCC+i realizará diferentes actividades para poñer en valor e difundir as investigacións realizadas desde a Universidade de Vigo e que se converterán nunha canle de comunicación accesible e activa que sirva de aproximación entre as distintas partes.

O concepto ida e volta trata de exemplificar o movemento circular da ciencia, como as investigacións científicas poden aplicarse na sociedade e mellorar a súa contorna, e como a sociedade pode promover novos retos, novas ideas ou axudar e complementar estes estudos. A unión de ambos consegue que a ciencia teña sentido, que se poida seguir investigando e que se poidan aplicar os avances no día a día.

As actividades serán as seguintes:
- Formación para o persoal investigador
- Exposición itinerante 100 lunas cuadradas
- Concurso de vídeos 11F na UVigo
- Feira científica
- Podcasts
- Vídeos divulgativos
- Embaixadores da ciencia e do coñecemento
- Obradoiro de astronomía

Comentarios