HD-DVD arrasa en Europa, pero con trampa

HD dvd.jpg
photo_camera HD dvd.jpg

Cando parecía que a guerra do vídeo de alta definición comezaba a decantarse polo Blu-Ray, dende o bando rival chegan datos sorprendentes. Os reprodutores de HD-DVD terían unha cota de polo menos o 75% en varios países europeos, concretamente Alemaña, Francia, Italia, Reino Unido, Suíza e España.

Iso si, un pequeno detalle ensombrece tanto optimismo: fóra do estudio quedaron todas as Playstation 3 que se ben non son exclusivamente reprodutores de alta definición, si incorporan un lector de Blu-ray, formato apoiado por Sony. De feito, a pesar da escasa acollida desta consola comparada coa competencia, as vendas de películas Blu-ray disparáronse dende que se puxo á venda, chegando as 180.000 unidades.

PS3, Cabalo de Troia

A incorporación deste lector na nova Playstation é un dos motivos do seu encarecemento -499€ a versión básica , 599€ a premium- pero pode ser un elemento definitivo na batalla de formatos. A confusión ó longo destes últimos sobre cal dos dous, HD-DVD ou Blu-ray, substituirían ó DVD provoca que o mercado sexa remiso a decantarse por un deles. Un círculo vicioso que arrastra baixas vendas de reprodutores, ergo baixas vendas de discos.

Neste escenario, o reprodutor da PS3 pode actuar de “cabalo de Troia”. Lembrando aínda o que pasou hai dúas décadas coa batalla entre os vídeos Beta e os VHS, poucos consumidores estarán dispostos a gastar  400 ou 500€ no reprodutor dun formato que pode quedar no memoria despois dun par de anos. Algo máis razonable -relativamente- pode parecer gastar esa cantidade nun lector que, ademais, é unha consola de última xeración e un completo centro de ocio multimedia. Iso si, a broma segue saíndo cara.

A pesar destes datos presentados polo consorcio HD DVD, de momento Blu-ray parece sacar unha lixeira vantaxe. Hai algunhas semanas Blockbuster, a maior cadea de videoclubs do mundo, anunciaba que alugaría películas de alta definición exclusivamente en Blu-ray, despois de comprobar que este formato se quedaba co 70% da facturación.

Comentarios