Loli Beloso: "Falar galego é algo que me sae da alma"

Chega o mundo da ciencia este xoves ao ciclo En3vistas, do Concello de Pontevedra, da man do experto en xenética Ángel Carracedo e da escritora e artesana pontevedresa Loli Beloso. Falarán da importancia da investigación científica e do compromiso social, ás 20.00 horas, nos Xardíns do Doutor Marescot.
Loli Beloso. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Loli Beloso. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A educadora, escritora e artesá pontevedresa Loli Beloso colabora dende hai anos coa Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica doando os beneficios que lle reporta a venda dos seus libros e xoias.

Como coñeceu vostede a Ángel Carracedo?
Todo se debe á fonda pegada humana que deixou en min Isaac Díaz Pardo. Eu non quería escribir só un libro sobre el, quería facer algo máis. Por iso decidín doar os cartos dese volume á investigación contra o cancro. A Asociación Española Contra el Cáncer fai un labor extraordinario, pero noutros ámbitos. Eu quería que os cartos se destinasen á investigación. Primeiro pensei na Universidad de Pamplona, pero despois pareceume que tanto Díaz Pardo como Luís Seoane, que eran os protagonistas dos dous libros que escribira, preferirían que quedasen aquí. Así foi como acabei contactando con Ángel Carracedo. É un científico que cómpre que apoiemos. A investigación é o único que nos pode salvar.

Cómpre apoiar a Carracedo. A ciencia é o que nos pode salvar

Empezou doándolle os beneficios dos seus libros á Fundación Galega de Medicina Xenómica, pero agora tamén lle doa os das pezas de xoiería e artesanía que realiza e que expón na súa casa de Tomeza. Certo?
Todo sucedeu hai catro anos, despois de falecer a miña nai, unha perda moi difícil de asumir para min. As miñas tías da Arxentina animáronme a ilas visitar porque pensaban que me ía facer ben. Ti sabes que Díaz Pardo fundara no exilio unha fábrica de porcelana. Unha curmá conseguírame uns pratos feitos nela. Rompéronme e gardei os anaquiños. Xusto antes de marchar para a Arxentina volvín atopalos e vin que eses anaquiños tiñan forma de veleiro. Foi entón cando pensei en deseñar unhas xoias e vendelas tamén para a investigación contra o cancro. Falei coa filla da escritora María Victoria Moreno, con Ramón e David, xoieiros de Arcade e de Pontevedra, e a todos lles pareceu unha idea extraordinaria. Fixemos a miña primeira colección en 18 días e presenteina na Escuela de Ceramistas Fernando Arranz, íntimo amigo de Isaac Díaz Pardo. Así comezou todo. Despois, no aniversario da Fundación de Medicina Xenómica, deseñei unha peciña á que lle chamo Xenómica, inspirada na cadea do ADN humano. E vendín unha chea delas. Todo vai destinado á investigación. E agora estou cuns bolsos.

Que importancia ten para vostede o uso do galego?
Toda. É algo que me sae da alma. Para min, que fun unha nena da aldea, criada en Tomeza. onde a xente non é que regalase o que lle sobraba, senón que compartía o que tiña; para min, digo, que fun unha nena á que lle prohibiron falar na súa lingua cando chegou ao colexio Álvarez Limeses, poder expresarme en galego é fundamental. Cando teño que escribir en castelán, por compromiso ou porque mo piden, paso un traballo que non imaxinas. Porque o galego é a lingua que mamei, a das primeiras palabras que escoitei: a miña lingua.