Os parques eólicos, 'malas influencias' para a TDT

A Escola de Enxeñería Técnica Superior de Telecomunicacións da Universidade de Vigo presentou hoxe en Santiago un estudo sobre a influencia dos parques eólicos no sinal de televisión dixital terrestre (TDT) e as solucións ós posibles problemas na recepción do sinal ocasionados polos aeroxeradores.

"A influencia dos parques eólicos no sinal da TDT pode ser moi crítica". Así o manifestou hoxe o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, afirmando a necesidade de contar cun estudo de impacto nos sinais radioeléctricos nos protocolos de creación de parques eólicos no futuro para garantir o servizo da televisión.

Na xuntanza, a Xunta presentou os resultados das axudas públicas ós Concellos para o despregamento de minicoberturas a través de gap-fillers (enche-ocos), cos que resolver os problemas de zonas de sombra "propios de Galicia, cunha poboación dispersa e unha orografía montañosa", ás que se destinaron 250.000 euros en 2007.

Reto
O director xeral cre necesaria unha coordinación entre todas as administracións implicadas na transición á televisión dixital para acadar antes de 2010 os niveis de cobertura "que vimos despregando dende hai 20 anos para a televisión analóxica", superior ao 99 por cento. Neste senso, Galicia "leva un ano de adianto" na planificación do apagón con respecto a outras comunidades, xa que uns 200 concellos están a desenvolver un plan de implantación de TDT.

Comentarios