Perdoa... chámanme pola Playstation

A Play Station Portable ofertará a posibilidade de realizar chamadas de voz ou videoconferencias mediante un programa que se poderá atopar nas tendas a partir de xaneiro do vindeiro ano.

A compañía Sony, propietaria da PSP e o Grupo BT anunciaron o lanzamento do software Go!Messenger, que permitirá ós usuarios comunicarse entre eles... sempre que estean preto dunha rede WiFi, xa que utilizará un sistema VoIP (voz transmitida por Internet).

O sistema de comunicación, desenvolvido no centro de investigación de BT, estará dispoñible nun principio para o Reino Unido, Francia, Alemania, España e Italia, para despois estenderse "por máis de cen países por toda Europa, Oriente Medio e África".

Sony tamén aproveitou para presentar en Europa a versión lixeira da súa consola portátil, a PSP Slim&Lite, que sairá á venda o próximo mes de setembro por uns 170€.

A empresa xaponesa trata de arrebatarlle así novos usuarios á Nintendo DS, que cos seu sistema innovador de xogo se convertiu na consola de última xeración máis vendida.

Comentarios