'Quero ser investigadora', o novo catálogo da UVigo que busca "espertar vocacións"

Os 650 exemplares distribuiranse en institutos de toda Galicia a partir do vindeiro curso ► Belén Rubio e Mónica Valderrama presentaron a obra no edificio Redeiras
Foto de familia das investigadoras que asistiron á presentación coas vicerreitoras. UVIGO
photo_camera Foto de familia das investigadoras que asistiron á presentación coas vicerreitoras. UVIGO

A Universidade de Vigo vén de presentar a segunda edición do catálogo Quero ser investigadora, un volume no que dez investigadoras da institución académica viguesa contan en primeira persoa como foi o camiño que as levou, cada unha desde eidos moi distintos, a elixir a ciencia como profesión.

O obxectivo desta obra –que se presentou o pasado xoves no edificio Redeiras e contou coa participación das vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e a de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama– é amosar á mocidade e, sobre todo, ás nenas e mozas, que moi preto da súa casa existen mulleres investigadoras que están a realizar un traballo de gran importancia para o conxunto da sociedade.

Belén Rubio e Mónica Valderrama durante a presentación. UVIGO
Belén Rubio e Mónica Valderrama durante a presentación. UVIGO

Tanto Rubio como Valderrama fixeron fincapé  na necesidade de "espertar conciencias entre os máis novos" e facerlle ver as mozas e mozos, que en breve terán que elixir os seus estudos, "que na súa propia contorna hai mulleres científicas que son referentes". Neste senso, Belén Rubio subliñou a necesidade de facer ver "que a ciencia non sempre é traballar con probetas nun laboratorio, senón que se fai ciencia desde todos os ámbitos do coñecemento".

Cada unha das investigadoras conta coa súa propia ilustración. UVIGO
Cada unha das investigadoras conta coa súa propia ilustración. UVIGO

Nesta segunda edición –a primeira publicouse no ano 2020–, vólvese a difundir a historia de dez mulleres que quixeron dedicarse ao que máis lles gusta: achegar novos coñecementos sobre a súa área de traballo que axuden á sociedade a avanzar cara un futuro mellor. Cada unha conta coa súa propia ilustración, realizadas pola ex-alumna da UVigo Patricia Fernández Ruibal, quen interveu no acto a través dun vídeo no que explicou o proceso creativo.

Durante a presentación presentouse un vídeo coa ilustradora, Patricia Fernández Ruibal. UVIGO
Durante a presentación presentouse un vídeo coa ilustradora, Patricia Fernández Ruibal. UVIGO

A finalidade, tal e como explicou Valderrama, é que as rapazas e rapaces coñezan a estas persoas e, para iso, repartirase en institutos de secundaria de toda Galicia. Ademais, está dispoñible na páxina web da Unidade de Cultura Científica, UCC+i, e acompañarase dunha sinxela unidade didáctica coa que se facilitará o traballo con esta ferramenta na clase.