Oficinas virtuais de emprego no rural galego

Durante o ano 2008 moitos dos concellos máis alonxados das oficinas de emprego terán un punto de información de Pegada Dixital, un sistema para que os desempregados poidan renovar as demandas de traballo e consultar as ofertas sen ter que achegarse á oficina do Servizo Galego de Colocación.

A consellería de Traballo prevé instalar 88 destas terminais para o 2008, dos que 38 xa teñen un destino decidido, mentres os outros 50 aínda teñen a ubicación sen fixar. Neste momento hai 104 puntos deste tipo nos concellos galegos.

Para poder utilizar un punto de información de Pegada Dixital, o cidadán ten que acudir a unha oficina do Servizo Galego de Colocación, onde rexistran as súas impresións dactilares. A partir de entón pode xestionar a súa relación co servizo de emprego nun destes terminais. Os criterios de colocación dos puntos de Pegada Dixital son a distancia entre o concello e a oficina de emprego máis próxima, e o número de desempregados do municipio.

Cada un dos puntos custa 8.000 euros. O director xeral de Formación e Colocación, Pastor Fuenteseca admitiu dificultades na instalación dos aparellos, debidas a "deficiencias" de tipo tecnolóxico nalgúns concellos.

Comentarios