Un directorio de software libre para a Administración

Nestes tempos de auxe do software libre calquera pode nomear un programa open source para o navegador, ou para o procesador de textos, pero cando nos enfrontamos á xestión dun hospital, as respostas non están tan claras. Un dos problemas máis frecuentes cando se fala da implantación de software libre na Administración é o descoñecemento dalgúns programas especializados en áreas moi concretas.

O IDABC é un organismo da Comisión Europea que trata de optimizar as relacións electrónicas dos distintos países da Unión Europea. Con este obxectivo en mente, atoparon que o software libre é moito máis adaptable ás necesidades concretas de cada goberno, e que grazas á súa licencia, unha Administración pode beneficiarse das adaptacións que fixeron outras para resolver un problema semellante.

O resultado foi a publicación dun catálogo de software libre recomendado para a Administración. Nesta lista inclúense programas de todo tipo, dende as omnipresentes suites ofimáticas, ata un xestor de casos para avogados, ou un sistema de control para os hospitais. Entre as moitas áreas que quedan aínda por cubrir, destacan as relacionadas coa atención ós cidadáns ou os trámites que teñen que realizar as empresas e particulares.

Via mancomun.org

Comentarios