Co obxectivo de trasladar á poboación a importancia do tempo e do clima, a Organización Meteorolóxica Mundial celebra cada 23 de marzo do Día Mundial da Meteoroloxía, que este ano 2023 está dedicado ao futuro do tempo, o clima e a auga a través das xeracións. De todas as perspectivas posibles para achegarse á ciencia multidisciplinar que estuda o estado do tempo, o medio atmosférico, os fenómenos que aí se producen e as leis que os rexen, unha delas é a que se centra en coñecer como o océano afecta ao medio atmosférico e viceversa.
Para explicar isto, a UCC+I estreou este xoves unha nova serie de cinco podcasts. Trátase duna serie de entrevistas con investigadores e investigadoras do Centro de Investigación Marítima (CIM-UVigo) da Universidade de Vigo.
Esta acción supón a continuación do seu plan anual de actividades 22-23 Ciencia de Ida e Volta que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación.
Os seis protagonistas da serie son Gabriel Rosón, catedrático do Departamento de Física Aplicada, e Ramiro Varela, profesor titular do Departamento de Física Aplicada, ambos investigadores do Grupo de Oceanografía Física (Gofuvi). O investigador Gianluca Marino e Ana Bernabeu, catedrática do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental e Diego Fernández e Rubén Varela, docentes do Departamento de Física Aplicada e investigadores do Grupo Ephyslab.
Temática: dos bancos marisqueiros aos extremos climáticos
Na serie de podcasts, que xa se poden escoitar desde este xoves, o catedrático Gabriel Rosón aborda a influencia do océano na atmosfera e viceversa, analizando fenómenos como os afloramentos ou a transferencia de enerxía térmica. Pola súa banda, a tamén catedrática Ana Bernabeu afonda na influencia da meteoroloxía nos ambientes costeiros, como praias e bancos marisqueiros.
Os fenómenos meteorolóxicos extremos e o cambio climático centran o episodio protagonizado por Gianluca Marino, unha cuestión na que tamén afondan Diego Fernández e Rubén Varela.
A serie de podcasts complétase co episodio en que Ramiro Varela aborda o proxecto centrado nos avances para a obtención de datos de vento a alta resolución espacial no que actualmente traballa.