Videoxogos 'made in Galicia'

Innovación e baixo custo de produción son as máximas polas que se rexe a marca galega Uber Cool Games, da empresa Pixel Graphics. Baixo esta marca creada recentemente, a compañía viguesa vén de presentar na Coruña o novo videoxogo 'SQR', dentro do Foro Internacional dos Videoxogos organizado polo Clúster Audiovisual Galego.

Trátase dun proxecto experimental de xogo de estratexia por quendas dispoñible para teléfonos móbiles e internet e coa que a empresa pretende crear comunidades de xogadores. O novidoso da proposta radica na suma das tecnoloxías telefónica e da rede para crear unha nova experiencia integrada, segundo explicaron no foro os responsables do proxecto.

Beatriz Legerén, de Pixel Graphics, definiu 'SQR' como un xogo "a medio camiño entre o xadrez e o Pokémon". Cinco clases de personaxes diferentes deberán descifrar as claves de distintos niveis para adquirir habilidades de xeito que as personaxes se vaian fortalecendo, coa posibilidade de intercambiar habilidades entre os diferentes xogadores.

Crecemento do sector
Por outra banda, dentro do acto de inauguración do Foro Internacional dos Videoxogos, Legerén destacou a curva de crecemento do sector, que supera xa o cine en volume de negocio. Así, no 2005, o negocio dos videoxogos acadou en España os 863 millóns de euros, fronte aos 623 xerados polo cine.

O delegado da International Games Developers Association (IGDA) no Xapón, Kiyoshi Shin, explicou as razóns do desenvolvemento do mercado dos xogos educativos no seu país, favorecido polo novo dispositivo DS desenvolvido por Nintendo, xa que ofrece contidos máis universais e de uso máis sinxelo, dirixidos a un espectro de xogadores máis amplo. Así, o crecemento do mercado dos videoxogos en Xapón está determinado pola captación de público feminino e polo desenvolvemento de contidos formativos.

Comentarios