"Quero dicirlle a Feijóo que teña sentidiño, que pare toda esta loucura de multas e derrubas"

A súa casa ten data de caducidade. O día 21 de maio converterase en cascallos, pois a APLU anunciou a execución da sentenza de demolición pendente sobre ela desde hai 18 anos. O vilaboés, voceiro de Salvemos Vilaboa, foi este xoves a San Caetano a protestar co resto dos veciños pola inseguridade xurídica en Vilaboa, onde o PXOM segue sen ser aprobado
 

Enrique López. RAFA FARIÑA
photo_camera Enrique López Patricio, voceiro de Salvemos Vilaboa e dono da casa que a APLU se propón derrubar en maio. RAFA FARIÑA

A situación de Enrique López Patricio e a súa familia é, neste momento, a máis complicada de todas as que se teñen dado en Vilaboa polos problemas da ausencia de PXOM e da ilegalidade das vivendas na franxa do litoral. A súa casa, na que reside, ten sentenza firme e ratificada en todas as instancias posibles para o derrubamento e a APLU decidiu que a vai facer efectiva. Será o 21 de maio e, de momento, pese aos diferentes recursos de apelación que ten presentado, non parece que a Xunta vaia a desistir desa tarefa.

Hai unhas semanas que se retomaron as protestas pola situación das vivendas do litoral e as da zona interior en Vilaboa. Tense producido algún cambio no seu caso. Acadou un aprazamento?

Non. A min non se dirixe ninguén. Só sei o que saíu en prensa e parece que están por completar o proceso. Por iso hoxe iremos a San Caetano a levar as nosas protestas. Se podemos, entregarémoslle unha carta ao presidente, xa que el é o único que pode parar todo isto. Nas consellerías dá a impresión de que o que queren é meter máis lío.

Este era un concello que o PP consideraba ‘como propio’ e iso de non volver a ter a Alcaldía parece que non o admiten. O certo é que como sigan nesa tesitura, iso non vai cambiar en anos. A xente sente que están castigando a Vilaboa

Vostede defende que o seu caso non ten por que ser executado mentres hai outros noutros concellos que seguen sen derrubas...

É que un non entende por que uns si e outros non. Hoxe mesmo estiven lendo sobre o de Barreiros. Alí construíronse máis de 3.000 vivendas ilegais. Pero ilegais sen servizos, sen acceso e sen nada. E a Xunta derrubou? Non. A Xunta asinou un convenio para darlles 14 millóns de euros e facer os accesos e dotar os servizos. 

Vemos xente que di que o Concello ten algo de culpa. Pero como pode ser? O Concello ten a obriga de aprobar o PXOM, pero se non lle dá o visto bo a Xunta... De pouco vale ter competencias se están mareando todo o tempo.

Este caso tivo moita repercusión mediática porque no inicio do expediente, a casa era tamén a da súa exmuller, a exconselleira Carmen Gallego. Tamén hai quen di que a falta de solución pode estar detrás do feito de que o PP non conseguira recuperar a Alcaldía de Vilaboa. Vostede que pensa?

Non sabe un que pensar. Si que me parece que pode haber algo detrás do feito de que o PP perdera Vilaboa no 99. Daquela este era un concello que o Partido Popular consideraba ‘como propio’ e iso de non volver a ter a Alcaldía parece que non o admiten. O certo é que como sigan nesa tesitura, iso non vai cambiar en anos. A xente sente que están castigando a Vilaboa.

Hai apenas uns días o presidente provincial do PP, Alfonso Rueda, dixo nun acto de partido que o difícil é levar tanto tempo sen PXOM, a modo de crítica. Como o valora? Hai quen considera que a responsabilidade é do Concello?

Vemos xente que di que o Concello ten algo de culpa. Pero como pode ser? O Concello ten a obriga de aprobar o PXOM, pero se non lle dá o visto bo a Xunta... De pouco vale ter competencias se están mareando todo o tempo. Pode que se equivocara o equipo redactor. Todo é posible. Pero o que non é de recibo é o que están facendo desde a Xunta. Primeiro os canastros. Había que catalogar os de cen anos. Unha vez que está iso, din que non, que teñen que ser todos. Despois din que os núcleos hai que recortalos, que son moitos. En Barreiros non son demasiados, pero en Vilaboa si. Agora, a auga. Pero se auga é un traballo que xa ten Augas de Galicia feito. Están cooperando as institucións? É un pouco rirse de todo. Din que os prazos de resposta van ser no máis breves posible e esgótanos ata o límite. Veñen de entregar o traballo requerido sobre a auga. Ían responder xa, en días. Pois case pasou un mes e seguimos esperando. É unha tomadura de pelo. En canto a Rueda, non vou opinar.

Con respecto ao caso particular da súa vivenda? Serve para orientar a outros veciños? Ou é difícil que outros cheguen a isto?

Eu conto o que hai a quen se interesa. Agora a xente comeza a decatarse. Antes había veciños que non tiñan expediente e non tiñan notificado nada e estaban tranquilos. Agora é cando se preocupan todos, xa que vén que lles pode pasar isto. Un día levantas unha barbacoa para poder facer un churrasco e xa te creas un problema. Algún coa casa feita de toda a vida, púxolle o tellado e acabou cun expediente. Como van estar tranquilos se non temos unha ferramenta á que acollernos?

Un pensa en deixar todo e fóra. Aproveitar o solar para ir tomar o sol e xa está. Hai un momento no que un non ve saída nin nada.

Respecto ás mobilizacións para salvar a casa, vai apelar ao tribunal de dereitos da UE? 

O do tribunal europeo non se pode facer. Tería que ter sido nos seis meses posteriores á última sentenza e iso foi en 2009. Xa pasaron doce anos. Vimos de presentar outro recurso dicindo que segue sen resposta o noso recurso anterior, que se mandou á Xunta cunha serie de cuestións como a caducidade da sentenza ou a do tema do derrubo, pois na Lei de Costas aparece que as sentenzas caducan aos 15 anos. Non contestaron. En teoría o silencio administrativo é positivo. Pero se non contestan nunca e veñen coa piqueta, vai ser o mesmo. Aos meus recursos fai tempo que non contesta ninguén.

Está planificando o derrubo da casa pola súa conta?

Posibilidade de derrubar pola miña conta pode habela, pero a Xunta non ma dá. Xa hai oito anos, cando entraron á forza na casa e cambiaron a pechadura, presentei un escrito dicindo que eu me faría cargo do derrubo. Poderían dicirme: «Non nos fiamos, ímolo facer nós». Pero nin iso din. Non responden. Hai xente que leva seis anos facendo proxectos de derrubamento e aínda están aí as súas casas.

Quere dicir que hai xente que usa iso como manobra dilatoria, pero vostede non ten esa posibilidade?

Non teño. Pero aquí preto o Cirus vai ser derrubado, pois aos donos déronlle a posibilidade de facelo pola súa conta. 

Vostede ten o proxecto?

Non. Teño preparados contactos con empresas para actuar se fai falla, pero non teño o proxecto.

Pero non pensará actuar pola súa conta?

Quedan un par de semanas de reflexión. Non sei que faremos, porque isto é unha cousa un pouco rápida. Ás veces ves unha ventá de esperanza, outras non ves nada...

Cantos anos leva a súa familia loitando na defensa da casa?

Non sei cantos xa. Viñemos a vivir no ano 93 ou no 94 e no 2000 xa tiñamos unha sentenza en contra. No 2003 foi cando comezou verdadeiramente o problema, pois foi cando nos notificaron por primeira vez a orde de derrubo, que fora decretada polo delegado provincial tres anos antes.


Ten calculado canto custou esta defensa no xudicial?

Non sei. Non podo dicir unha cifra. Miles de euros.

Ten pensado se sería máis fácil renderse?

Un pensa en deixar todo e fóra. Aproveitar o solar para ir tomar o sol e xa está. Hai un momento no que un non ve saída nin nada.

E nese caso, renunciará a Vilaboa?

Non. Estou buscando un alugueiro aquí. Xa estou buscando algo, porque sempre vivín aquí. Sentiríame raro ao estar noutro sitio.

Como será a protesta de Salvemos Vilaboa hoxe en Santiago?

Imos ir en dous autobuses. Queremos dirixirnos a Feijóo. Pararemos en San Caetano. Queremos entregarlle unha carta ao presidente. Quero poder dicirlle a Núñez Feijóo que teña sentidiño,que pare toda esta loucura de multas, de derrubamentos e de xuízos penais... Que pare un pouco a cousa e que intente que as consellerías implicadas lle dean o visto bo ao PXOM, se non, non acabaremos máis.
 

Comentarios