O 061 defende a súa proposta de reparto de ambulancias para o PAC de Cerdedo

A fundación responde ás críticas de Cerdedo pola Sanidade Pública sobre o novo contrato das ambulancias que deixa ao PAC de Cerdedo sen ambulancia medicalizada
Exterior del centro médico de Cerdedo. DP
photo_camera Exterior do centro médico e PAC de Cerdedo. DP

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que xestiona e coordina a asistencia e o transporte sanitario no medio extrahospitalario en casos de urxencia e emerxencia, garante a cobertura sanitaria no concello de Cerdedo-Cotobade.

Con esta aseveración, a fundación responde ás queixas lanzadas polo colectivo Cerdedo pola Sanidade Pública ante a nova proposta de cobertura para os vindeiros anos e aclara que "a decisión sobre a dotación de recursos da Rede de transporte sanitario e o seu emprazamento realízase avaliando criterios poboacionais e de demanda sanitaria, así como a distancia aos centros sanitarios".

Todo iso forma parte das condicións que "son analizadas periodicamente tendo en conta a frecuencia de servizos e os tempos de resposta".

Deste xeito, aclaran que os recursos asistenciais da rede atenden prioritariamente a un grupo de concellos asignados como zona de cobertura preferente, "sendo esta orientativa e decidindo a Central de Coordinación o envío destes recursos segundo as necesidades de cada momento".

Ademais, "todos os servizos do 061 están coordinados, ata a súa finalización, por persoal sanitario da Central de Coordinación con formación específica na atención ás urxencias e ás emerxencias que os clasifica segundo a gravidade do paciente".


Ambulancias

Tal e como matizan, actualmente, en Cerdedo-Cotobade a cobertura sanitaria de atención ás urxencias e emerxencias conta cunha ambulancia asistencial de soporte vital básico (SVB) con base na Estrada, así como cunha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado medicalizada e, desde o ano 2019, unha ambulancia asistencial de SVA de Enfermaría con base en Pontevedra que poden desprezarse ata Cerdedo-Cotobade nos caso de urxencia ou emerxencia vital.

As estas súmanse as dúas ambulancias asistenciais de soporte vital básico (SVB) con base na cidade de Pontevedra.Por último, poden prestar asistencia sanitaria urxente neste concello os dous helicópteros medicalizados do 061 de Galicia, con base en Santiago e Ourense.

Lembran, ademais, que todas as ambulancias asistenciais de SVB de Galicia están dotadas de persoal formado e capacitado no manexo inicial do paciente crítico e no manexo do desfibrilador e que estes recursos poden medicalizarse se é preciso co persoal sanitario dos centros de saúde e dos puntos de atención continuada.

Comentarios