Unhas 3.400 persoas acudiron ás visitas teatralizadas do Castelo de Soutomaior

A Deputación de Pontevedra adaptouse á pandemia e mantivo estas iniciativas, que referendan á fortaleza como emblema do turismo patrimonial da provincia
Un momento da visita teatralizada na que participou a presidenta da Deputación, Carmela Silva. CEDIDA
photo_camera Un momento da visita teatralizada na que participou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Os programas de visitas caracterizadas e teatralizadas ao Castelo de Soutomaior, que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha no 2016 para valorizar a emblemática fortificación e impulsar experiencias turísticas nesta excepcional contorna, acumulan nestes cinco anos un total de 3.400 persoas asistentes. Delas, preto de mil están a participar na actual edición, que arrancou en maio e rematarán o vindeiro 6 de setembro coa última das visitas teatralizadas, unha sesión para a que xa non quedan prazas.

Trátase de dúas das actividades de maior acollida das desenvolvidas pola institución no Castelo. As primeiras visitas caracterizadas tiveron lugar en 2016. Aquel ano acudiron 500 persoas. A posta en valor do Castelo co seu proxecto de musealización un ano máis tarde foi un punto de inflexión para a afluencia de público e viuse reforzada en 2017 co nacemento das visitas teatralizadas. Xa nesa primeira anualidade alcanzaron un milleiro de persoas.

Este ano, o programa de visitas teatralizadas adaptouse tamén á situación derivada do Covid e os datos demostran que tivo unha excepcional resposta, converténdose nunha das opcións turísticas do verán, tras esgotarse as preto de 700 prazas ofertadas. Só quedan dúas sesións por celebrar, a primeira este luns 30 de agosto, para a que quedaba unha soa praza, e a do 6 de setembro, xa co cartel de completo.

Estas visitas, dirixidas ao público familiar, consisten nun percorrido dunha hora de duración no que as familias poden coñecer a historia do castelo a través da peza teatral Irma e Diña na que aparecen personaxes tan coñecidos como Pedro Madruga e Paio Gomes. A actividade teatral é participativa, educativa, dinámica e divertida, e o guión xira ao redor de Pedro Madruga. O seu leal acompañante, Paio Gomes, é o encargado de poñer música ás andainas e aventuras de Madruga, así como tamén ás historias doutras figuras fundamentais no Castelo como María Vinyals. Pero as protagonistas da peza son as labregas Irma e Diña, que contan a historia do pobo, os costumes e formas de vida na Galicia do século XV, poñendo o acento no importante papel desenvolvido polas mulleres labregas.

En canto ás visitas caracterizadas, tralo paréntese do pasado ano por mor da pandemia, teñen regresado con forza, con máis de 300 asistentes ata o pasado mércores 25, data na que finalizou a actual edición. Este programa está dirixido ao público adulto.

Comentarios