O 50 aniversario do Combarro histórico centrouse no papel dos seus habitantes

O alcalde destacou as achegas dos veciños e veciñas para o progreso da Vila, antes de premiar a colectivos e asociacións ► "A xente desta vila é o patrimonio que temos que coidar", destacou a edil de Patrimonio ► A presidenta provincial salientou que percorrer a vila "é sentir a historia"
Un instante do acto con motivo da celebracion do 50 Aniversario do Conxunto Historico Artistico de Combarro. DP
photo_camera Un instante do acto con motivo da celebracion do 50 Aniversario do Conxunto Historico Artistico de Combarro. DP

Emoción, orgullo, e sobre todo, ilusión, foron os sentementos despertados en Combarro coa celebración do acto oficial do aniversario da declaración da vila como Conxunto Histórico Artístico.

Nun evento no que se deron cita todos os concelleiros, o alcalde, Luciano Sobral, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o protagonista non foi o "status" oficial da vila mariñeira máis visitada de Galicia, nin tan sequera, a súa prezada e representativa arquitectura. O acto organizado desde o Departamento de Cultura centrouse, máis ben, nos veciños e veciñas e no seu testemuño de como se viviu e vive neste enclave singular. Un audiovisual creado para a ocasión e dividido en catro partes deu sobrada conta desas vivencias e desa sociedade esecial que se acubilla nas vilas mariñeiras.

Precisamente, estes foron algúns dos detalles destacados durante os discursos oficiais, tanto polo alcalde como pola presidenta da Deputación e a edil de Patrimonio, Marga Caldas.

"Celebramos esta declaración de Combarro como recinto histótico-artístico, coa xente, coas asociacións, cos colectivos, coas institucións que axudamos e facemos equipo para poder seguir mantendo o que todos os que vivistes aquí teñades gañas de conservar. Aquí mellouse ao longo dos anos, pero grazas á xente que vive en Combarro", declarou o alcalde, Luciano Sobral.

A presidenta da Deputación destacou o papel da veciñanza, en especial das mulleres. "Emocionábame escoitando falar aos veciños e veciñas. A voz milenaria que somos os galegos e galegas. Temos unha voz propia. O máis emocionante era ver a estas extraordinarias mulleres, fortes, rexas e traballadoras", enumerou, tras loubar o papel e implicación do departamento de Patrimonio provincial con esta vila e con todo o acervo cultural da provincia.

Silva salientou que "cando unha pasea por Combarro e polas súas rúas empedradas comeza a sentir a historia dun pobo mariñeiro", relatou. A concelleira de Patrimonio, Marga Caldas, despois da quenda de agradecementos pediu "marcarnos novos obxectivospara dardar un novo impulso e temos que facelo para cumprir outros 50 anos máis", destacando que a xente desta vila "será o patrimonio que teremos que coidar" de cara a facilitar "que quen habita nunha das vilas máis visitadas, teñan unha boa calidade de vida".

A parte central do acto adicouse a entregar agasallos a representantes de todas as asociacións que se implicaron tanto nesta celebración como no coidado de Combarro. As asociacións A Solaina, o Ateneo Corredoira, Armadiña, Clube Mariño A Reiboa e Comunidade de Montes Rega dos Agros.

O acto estivo presentado pola actriz Bea Campos e contou coa amenización musical de Caamaño & Ameixeiras.

Comentarios