A Xunta achega 111.000 euros a once entidades de augas e de veciños da comarca

permitirán poñer en marcha traballos de instalación ou mellora de infraestruturas hidráulicas

Depósito de auga. DF
photo_camera Depósito de auga. DF

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, informou aos responsables de Coxapo (Asociación de traídas de auga rural) da colaboración da Consellería de Vicepresidencia con once comunidades de augas e asociacións de veciños da comarca de Pontevedra e que supón case 111.000 euros de achegas.

Trátase de subvencións que permitirán poñer en marcha traballos de instalación ou mellora de infraestruturas hidráulicas coma depósitos de auga, motores para traídas, obras de aproveitamento de mananciais, etcétera, así como outros investimentos para a mellora de locais sociais, ben sexa con obras novas ou coa compra de material e mobiliario.

En total veranse beneficiadas tres comunidades ou asociacións de Cerdedo-Cotobade, tres da Lama, unha de Ponte Caldelas, dúas de Pontevedra e outras dúas máis de Campo Lameiro. Na provincia de Pontevedra son un total de 60 os entes beneficiados, cunha axuda global de 632.600 euros.

Estas achegas forman parte do Plan Específico de Acción comunitaria destinada a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia; comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais.

A dita liña de subvencións iniciouse no ano 2016 e a día de hoxe está plenamente consolidada nos orzamentos anuais da Dirección Xeral de Administración Local.

Por parte das asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais, este plan concede axudas destinadas ao acondicionamento e mellora dos locais sociais e á compra de novos equipamentos, o que lles permite manter a actividade que desenvolven, así coma a prestación de novos servizos, organización de actividades e reparacións de camiños veciñais. As comunidades de usuarios de augas poden conseguir fondos para a execución de obras de reparación de traídas veciñais de auga.

As axudas económicas que se conceden poden acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para dotación de equipamentos. Compre destacar que esta orde, para facilitar a execución das obras subvencionadas a estas entidades, prevé a realización de pagamentos anticipados do 100% da contía da subvención concedida.

Comentarios