Ábrese a fase de consultas cidadás da Ordenanza de Convivencia de Poio

▶ O texto que vertebrará as accións contra ruídos, disturbios, vandalismo e pintadas está exposto no portal de transparencia do Concello para recibir as achegas de veciños e asociacións antes de recibir a aprobación inicial
POIOXLS
photo_camera A última Xunta Local de Seguridade en Poio. D. P.

O texto do borrador da futura ordenanza de Convivencia Cidadá de Poio xa está na web do Concello e desde o pasado mércores a veciñanza pode consultar o texto a través do Portal de Transparencia da Sede Electrónica, así como realizar vía on lin as achegas que considere oportunas.

A edil de área, Marga Caldas, indica que este texto está en fase de revisión por toda a cidadanía de cara a «consolidar e dar vida a un documento o máis completo posible, que garanta unha maior calidade de vida de todas e todos».
Tal e como apunta, unha vez lido ou analizado, as propostas dos e das cidadáns poderanse realizar ao longo dos vindeiros días, de xeito que poderán ser contempladas antes de que se leve a cabo a aprobación inicial do documento. 

A ordenanza permitirá atallar problemas de ruídos, maltrato ao mobiliario urbano, actitudes incívicas e outros actos de vandalismo


"Esta ordenanza ten a finalidade de preservar o espazo público como un lugar de convivencia e civismo, no que todas as persoas poidan desenvolver en liberdade as súas actividades de libre circulación, de lecer, de encontro e de recreo, con pleno respecto á dignidade e aos dereitos dos demais e á pluralidade de expresións e deformas de vida diversas existentes no Concello", indica a titular de Seguridade Cidadá. 

Coa proposta, o Concello quere dotarse dun marco normativo no que abordar cuestións que incomodan á cidadanía como os ruídos na rúa, as pintadas, colocacións de carteis, e pancartas, e mesmo o consumo de alcol nos espazos públicos. 

Entre outras cousas, ter esta normativa en marcha permitirá que se poidan atallar actitudes incívicas ou vandálicas cun marco legal e contar cun regulamento establecido para a organización de actos públicos. 

NECESARIA. Tal e como abondou a concelleira, a ausencia desta norma foi unha das cuestións abordadas na última Xunta de Seguridade Local, que tivo lugar a finais de outubro e que contou coa participación da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e representantes da Policía Local e da Garda Civil. 

"O documento permitirá unha maior coordinación entre as forzas de seguridade, especialmente en cuestións como o control da contaminación acústica durante as noites, xa que, deste xeito, a Garda Civil contará cunha ferramenta coa que poder velar polo cumprimento dos límites neste eido", apunta a edil do Goberno local que destaca que neste momento o fundamental e que o borrador chegue ás partes implicadas e que reciba as achegas da cidadanía previas á súa aprobación inicial.

Comentarios