Ábrese o prazo de inscrición para as ludotecas de verán do Concello de Poio

En total, o departamento dirixido pola nacionalista Raquel Rodríguez oferta un total de 400 prazas "para garantir a conciliación laboral e familia"
Imaxe de arquivo do Campaverán. DP
photo_camera Imaxe de arquivo do Campaverán. DP

A Concellería de Educación do Concello de Poio, dirixida pola nacionalista Raquel Rodríguez, informa de que xa está aberto o prazo de inscrición das ludotecas que, un ano máis, porá en marcha esta área do Concello durante a temporada estival.

Trátase de Campaverán e Raxó Verán, dúas iniciativas pensadas para "facilitar a conciliación familiar e laboral no verán". Ambas se iniciarán o 1 de xullo e finalizarán o 31 de agosto. Rodríguez Alonso explica que o período para anotarse inaugúrase este xoves e seguirá aberto ata o vindeiro 7 de xuño, inclusive. As persoas interesadas en inscribir aos seus fillos e fillas poderán facelo a través da Sede Electrónica do Concello. En caso de optar por realizar esta xestión de xeito presencial no Rexistro, "resultará imprescindible solicitar cita previa".

Como xa vén sendo habitual, tanto Campaverán como Raxó Verán dividiranse en catro quincenas (do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31, do 1 ao 15 de agosto e do 16 ao 31). A primeira destas iniciativas terá lugar no CEIP Isidora Riestra, en San Xoán, de luns a venres entre as 7.30 e as 15.00 horas, mentres que a segunda será no CEIP Espedregada, de 9.00 a 14.00 horas.

As prazas ofértanse para nenos e nenas nados entre os anos 2009 e 2017 (ambos inclusives), que estean empadroados en Poio ou que cuxos pais e nais traballen en empresas con sede fiscal no municipio. A titular de Educación garante que estas actividades desenvolveranse cumprindo con todos os requisitos e medidas de seguridade que establecen as autoridades sanitarias en materia de hixiene, distanciamento e aforo, tal e como xa se fixo no verán de 2020, cando Poio foi un dos poucos concellos da bisbarra que apostou por manter este servizo operativo logo da finalización do confinamento.

Outro feito que salienta Raquel Rodríguez é o número de prazas que se oferta este ano. Serán 80 por cada quincena no caso de Campaverán e 20 no Raxó Verán, o que suma un total de 400 prazas para os dous meses. A tarifa será de 30 euros por quincena no 1primeiro caso e 25 no segundo, se ben se aplicarán descontos en caso de que se inscriba a máis dun fillo ou filla. "Unha vez rematado o prazo de inscrición, publicarase un listado provisional de crianzas admitidas, abríndose un período de dous días para a presentación de reclamacións, se así procedese. Á hora de facer o proceso de selección, teranse moi en conta criterios como que os dous proxenitores traballen (ou un deles), así como solicitudes de familias monoparientais ou que se inscriba a máis dun rapaz ou rapaza na mesma quincena".

Comentarios