A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior activa o Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións en Galicia (Plan Inungal), en fase de alerta, debido ao aumento do caudal dos ríos Umia e Verdugo, ambos os dous situados na provincia de Pontevedra.
Esta situación pode derivar en pequenas inundacións nas contornas destes cursos fluviais, tal e como indican os sistemas de control e seguimento dos que dispón Augas de Galicia en colaboración con Meteogalicia.
Unha das localidades afectadas é Ponte Caldelas. Andrés Díaz, alcalde do municipio, informou esta tarde de como a situación do río Verdugo obrigou a cortar a estrada da Calzada e o aparcamento detrás da Praza de Abastos.
Cómpre sinalar que o comportamento das concas do Umia e o Verdugo pode estar condicionado pola xestión dos encoros correspondentes.