Actividades e concienciación: así é a iniciativa 'Poio en Verde'

O plan realizará actuacións nos eidos deportivo, cultural e educativo
Marga Caldas, Xosé Luis Martínez e Raquel Rodríguez presentaron a campaña.
photo_camera Marga Caldas, Xosé Luis Martínez e Raquel Rodríguez presentaron a campaña. DP

A Concellería de Medio Ambiente únese á de Educación e Cultura e á de Deportes para impulsar a iniciativa Poio en Verde, unha campaña que pretende apostar e promover espazos ao aire libre no municipio que sexan sustentables, así como concienciar á poboación a través de diferentes iniciativas sobre a importancia de respectar a contorna.

O titular de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez, acompañado polas edís Margas Caldas e Raquel Rodríguez, explicou que a iniciativa pon o foco no eido educativo, a través de actividades nos colexios e no IES, pero que tamén quere deixarse notar en eventos de carácter lúdico ou cultural.

Ainda así, manifestou, "esta campaña vai moito máis alá, xa que non só se limita a achegar información ou ferramentas sobre o coidado do medio ambiente, senón que tamén aposta pola creación de espazos verdes e rutas alternativas ao automóbil, fomentando unha mobilidade sustentable".

Poio en Verde, que se fraguou a finais de 2021, conta cunha folla de ruta a completar ao longo do presente exercicio. As súas premisas xa se están a implantar a través de accións e actuacións impulsadas polo departamento de Medio Ambiente, ou nas que colabora de xeito directo.

Este foi o caso, por exemplo, das diferentes campañas de control de colonias felinas que se veñen levando a cabo en distintos puntos do municipio dende hai uns meses. "É importante incidir na formación cidadá e apostar por iniciativas medioambientais comunitarias, de xeito que poidamos fomentar un maior respecto por parte de todas e todos", manifestou Martínez, quen destacou a necesidade de adaptar as iniciativas ás diferentes idades, polo que nos centros de Primaria farase especial fincapé en traballar coas crianzas para fomentar a concienciación de que "o cambio global comeza no local", mentres que no IES os esforzos estarán máis centrados en mobilizar ao alumnado nas boas prácticas coa contorna.

Ditas boas prácticas, aseguraron dende os departamentos implicados, deberán impulsarse en eventos culturais, festivos e deportivos do concello.

Comentarios