Un acto este sábado en Bértola reivindica o 25 aniversario da loita social contra a empacadora

▶ Os integrantes de Empacadora Non! contarán con varias voces do mundo da defensa do rural e a natureza para esta cita
Empacadora
photo_camera Unha das múltiples protestas en Bértola e Figueirido cando se desatou o conflicto da empacadora en Vilaboa. D.P.

A loita veciñal e política contra a implantación dunha empacadora en Bértola, Vilaboa, cumpre esta fin de semana 25 anos. Os colectivos que daquela participaron nas mobilizacións sociais non queren que o esquecemento se apodere dun dos fitos das mobilizacións sociais da provincia, motivo polo que convocan, para o mediodía do sábado, un acto reivindicativo e de memoria.
Trátase dun encontro que se desenvolverá desde as 12.30 horas en Rio de Bois, nun punto do vial que une Figueirido con Bértola no que, no décimo aniversario desta mesma loita se implantou un monolito de homenaxe á unión veciñal. Na cita, nesta ocasión non intervirán veciños ou políticos e políticas, senón que o farán voces destacadas do mundo da custodia do territorio, a reivindicación da paisaxe e o medio rural e natural e a historia viva da comarca. 
Entre eles estará a xornalista Paz Castro, que é integrante de Monte Pituco, o colectivo morracense; ademais falará Gonzalo Sancho, presidente de Vaipolorío, e intervirá tamén Calros Solla, de Capitán Gosende. Ademais participará a formación Os Chichisos, con raigame vilaboesa e recuperadora de tradicións e cultira inmaterial en toda a xeografía galega. 
"No décimo aniversario instalouse un monolito e no vixésimo estreouse un audiovisual coa lembranza de xente de todas as xeracións. A loita contra a empacadora e por manter un entorno como o que tiñamos ten que seguir a ser contada polos de aquí e transmitirse", indicou Xosé Feijóo, un dos promotores deste encontro. 

A cita é aberta, gratuíta e desenvolverase xusto onde o monolito da memoria "está cubríndose de musgo, como corresponde ao paso do tempo", indica o mesmo responsable, que aclara que, en caso de chover, o encontro se realizará na Casa do Pobo de Figueirido.

Comentarios