Adeus a Moisés Mosquera, o conserxe do Cordo Boullosa que mimaba os magostos

Pesar en Ponte Caldelas polo falecemento do que fora porteiro e responsable do colexio da localidade
Á dereita, o que foi responsable da conserxería do colexio de Ponte Caldelas durante máis de 30 anos. D.P.
photo_camera Á dereita, o que foi responsable da conserxería do colexio de Ponte Caldelas durante máis de 30 anos. D.P.

Os nenos e nenas que pasaron polos corredores e aulas que custodiou Constantino Moisés Mosquera Pérez, compoñen hoxe, probablemente, preto dun cuarto da poboación deste municipio caldelano, e todos eles lamentaron o seu pasamento. O que foi conserxe do CEIP Cordo Boullosa durante máis de 30 anos faleceu o martes, aos 82 anos de idade, cando pasara algo máis dunha década da súa xubilación.

Contan os que o coñeceron que Moisés foi moi querido e respectado por nenos, pais e nais e tamén polo profesorado do centro.

Este home, que vivíu coa súa familia na ‘casa do conserxe’ do colexio ata que se retirou (despois de ter traballado moito máis aló da idade de xubilación), é descrito por todos eles como un traballador educado, moi respectuoso, e cuxa chegada a unha aula sempre se deixaba adiviñar polos seus pasos acompañados polo bastón co que se axudaba.

Os máis achegados din del que era un gran compañeiro, que destacou por ter un elevado sentido da amizade e a lealdade, valores que promovía e eran unha das súas señas de identidade. Con curta idade, Moisés pasou unha enfermidade que o deixou coxo, pero que non mancou a súa autoestima. Así, soubo encarar esa pegada que a vida lle deixou tratando de que todos viran as súas capacidades e non as súas limitacións. Deste xeito, a coxeira non lle impediu ser un apaixoado do baile, que practicaba nas verbenas, sen cuestionarse se o miraban ou non aqueles aos que lles sorprendía a súa coxeira, e tamén da bicicleta, medio que empregou mentres puido.

Moisés tamén herdara un oficio de seu pai —o de zapateiro—, e nunca o abandoou de todo. Así, era frecuente que as familias lle deixaran encargos de calzado para amañar que el realizaba para axudar así á economía familiar.

Á dereita, o que foi responsable da conserxería do colexio de Ponte Caldelas durante máis de 30 anos. D.P.
Á dereita, o que foi responsable da conserxería do colexio de Ponte Caldelas durante máis de 30 anos. D.P.

Deixa dúas fillas e tres netos, que foron a súa gran alegría despois de enviuvar. Moitos o recordan polo agarimo co que promovía os magostos do colexio. Esta era a festa que el custodiou e realizou con máis cariño, encargándose das parrillas e de todo o asado das castañas e o seu reparto aos nenos e nenas.

O funeral e posterior inhumación celebraranse este xoves ás 12.00 en Santa María de Caritel.

Comentarios